'Recantos. O Cásting' chega este luns ao momento decisivo coa gran final, desde o Teatro Jofre de Ferrol - CSAG
'Recantos. O Cásting' chega este luns ao momento decisivo coa gran final, desde o Teatro Jofre de Ferrol
Raquel Atanes e Duarte Galbán serán os encargados de conducir unha gala única e con moitas sorpresas, en que os aspirantes escollidos nas audicións previas se van enfrontar ao veredicto do xurado

Santiago, 07.09.2026.- Despois de viaxar por oito localidades de Galicia e do Bierzo buscando talentos musicais, ‘Recantos. O Cásting’ chega este luns (22:50 h) ao Teatro Jofre de Ferrol para celebrar a gran final en que se elixirán os ‘recanteiros’ e ‘recanteiras’ da nova temporada de ‘Luar’. A artista Pili Pampín, o produtor musical Cristian Yennia e o director de televisión Manu Turnes serán os encargados de escoller os seleccionados que compartirán escenario con Xosé Ramón Gayoso nas noites dos venres da Televisión de Galicia.
Os aspirantes estarán arroupados por dous dos rostros máis coñecidos da Televisión de Galicia, que serán os encargados de conducir o programa: os comunicadores Raquel Atanes e Duarte Galbán.
A mecánica da gala consiste no enfrontamento de 32 aspirantes a través de duelos musicais en que se poderán escoitar todo tipo de estilos. O xurado terá que decidir quen ten alma de ‘recanteiro’, escollendo o vencedor de cada enfrontamento, que representará o seu ‘recanto’ en ‘Luar’ durante a próxima temporada. Aínda que as sorpresas poden facer cambiar o taboleiro de xogo.
O repertorio ao que se enfrontan os concursantes irá desde a balada ata o mellor das orquestras galegas. Escoitaranse temas máis actuais como ‘Maníaca’, de Abraham Mateo, ou ‘Tataravoa’, de Fillas de Cassandra, entre outros, pero sen deixar de lado clásicos como ‘Galicia Terra Meiga’, de Ana Kiro, ou ‘Libre’, de Nino Bravo.
A música non virá só de parte dos concursantes, pero ese é un segredo que se desvelará na propia gala, nun formato sen precedentes en Galicia. De momento só se pode adiantar que a gran Pili Pampín fará vibrar o público cantando ‘Cousiñas xustas’, o seu éxito deste verán.