'Ondas indies' despide a temporada coa banda coruñesa Apolo 18, a crónica do Primavera Sound Porto e o Atlantic Fest de Vilagarcía - CSAG
'Ondas indies' despide a temporada coa banda coruñesa Apolo 18, a crónica do Primavera Sound Porto e o Atlantic Fest de Vilagarcía
O espazo de Radio Galega Música reforzou este ano a súa aposta polos festivais e a música en directo
Emítese este mércores en RGM ás 22:00 h, e quedara dispoñible en AGalegaAudio.gal

Santiago, 23.06.2026.- O programa de Radio Galega Música ‘Ondas indies’ despide este mércores a súa sétima temporada convertido nunha das principais plataformas de difusión da música independente galega. A entrega (22:00 h) contará con Toño Caneda, director do Atlantic Fest, que celebrará este verán o seu décimo aniversario en Vilagarcía de Arousa, coa banda coruñesa Apolo 18 e cunha crónica especial do Primavera Sound Porto.
O espazo reforzou este ano a súa aposta polos festivais e a música en directo, incorporando seccións como De sala en sala, Brumariña ou Xen Z, mantendo contidos xa consolidados como Ulo Indie e Caixóns de Xastre, e sendo tamén unha xanela permanente para as novidades de artistas emerxentes e de proxectos xa consolidados. 40 programas emitidos nesta edición e 278 capítulos acumulados desde o inicio do proxecto consolidan o espazo como punto de encontro imprescindible para a creación musical feita en Galicia e en galego.
O programa deu voz a máis de trinta bandas e artistas, entre os que destacan Fillas de Cassandra, Laura Jordán, Galician Army, Víctor Coyote, Boyanka Kostova, Ortiga, Antía Muíño, The Rapants, Triángulo de Amor Bizarro ou Apolo 18, entre moitos outros. Tamén ofreceu conversas con artistas de referencia estatal e internacional que fixeron parada en Galicia, como Kevin Johansen & Liniers, Sidonie, Zahara, Rufus T. Firefly ou Yawners, achegando novas perspectivas sobre a conexión entre a música e o público.
“O crecemento experimentado nestes sete anos confirma que existe unha comunidade comprometida coa música independente galega. Seguiremos traballando para ofrecer visibilidade ao talento do noso país e para acompañar a súa evolución desde o servizo público”, destacan desde o equipo do programa.