'O día da Romaría' visita o Corpiño de Lalín, unha das grandes expresións de devoción de Galicia - CSAG
'O día da Romaría' visita o Corpiño de Lalín, unha das grandes expresións de devoción de Galicia
No corazón da parroquia de Santa Baia de Losón vivirase unha celebración, onde a espiritualidade, a tradición e a festa se unen arredor da Virxe do Corpìño

Santiago, 24.6.2026.- Televisión de Galicia ofrece este mércores en ‘prime time’ unha nova entrega de ‘O Día da Romaría’ (22:50 h), o formato que percorre as grandes celebracións populares e relixiosas de toda Galicia. Nesta ocasión, o programa viaxa ata a parroquia de Santa Baia de Losón, no concello de Lalín, para vivir desde dentro unha das romarías máis multitudinarias e singulares do país: o Corpiño.
A entrega recollerá o verdadeiro espírito desta romaría, desde as tradicións e a devoción dos veciños, fieis e visitantes, que ano tras ano se achegan ao templo lalinense, ata a música, o xantar e o ambiente propio desta xornada festiva.
‘O Día da Romaría’ acompañará os romeiros que días anteriores xa se preparan para honrar á súa virxe. Asistirá á procesión do Corpus e á posterior comida interparroquial, que organizan os veciños e veciñas do lugar, así como tamén descubrirá os segredos para desfrutar dun bo cocido, todo un emblema para este concello pontevedrés.
A memoria volverá estar presente coa cápsula do tempo, que recuperará imaxes históricas da romaría e lles dará vida a través da intelixencia artificial, ofrecendo unha viaxe ao pasado en que descubrir como era esta celebración noutras épocas e comprobar como moitas das súas tradicións seguen intactas co paso dos anos.
A dimensión máis humana da celebración chegará a través dos relatos de fe e devoción. Homes e mulleres compartirán experiencias persoais e promesas vinculadas á Virxe do Corpiño. Con esta nova entrega, ‘O Día da Romaría’ continúa a súa viaxe polas grandes celebracións galegas, achegándose ás tradicións e ás persoas que fan posible que este patrimonio vivo siga formando parte da identidade galega.