div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'O Día da Romaría' estrea este luns en 'prime time' a súa viaxe polas grandes festas galegas coa Romaría da Franqueira

A primeira entrega do programa mergullarase nunha das celebracións máis emocionantes de Galicia, seguindo os preparativos, os camiños, as ofrendas e a chegada das imaxes ao santuario  

csag.gal 25/05/2026 02:00

Santiago, 25.05.2026.-    A TVG estrea este luns en prime timeO Día da Romaría’ (22:45 h), un novo formato que se achega ás grandes festas populares e relixiosas de Galicia desde dentro, acompañando os seus verdadeiros protagonistas: veciños, familias, parroquias, devotos e romeiros que fan posible que estas tradicións sigan vivas ano tras ano. O programa proporá unha viaxe emocionante polas tradicións galegas, cunha ollada próxima, viva e chea de humanidade. 

Na súa primeira entrega, ‘O Día da Romaría’ viaxa ata A Franqueira para vivir unha xornada marcada pola emoción, pola devoción e tamén pola retranca. A romaría arrinca na parroquia de Achas, onde un tractor que non funciona no momento máis inoportuno pon a proba os nervios e o humor dos encargados de levar a imaxe. 

A memoria terá tamén un papel especial coa sección ‘Cápsula do tempo’, que recupera antigas fotografías da Franqueira e lles dá vida a través dunha animación con intelixencia artificial. Unha pequena fiestra ao pasado para lembrar como eran os camiños, as xentes e a devoción que segue pasando de xeración en xeración. 

A parroquia de Barcia de Mera será outra das grandes protagonistas. Despois de 46 anos, volve ter a honra de facerlle a ofrenda á Virxe, un momento vivido con enorme emoción pola veciñanza. O programa acompañará os preparativos e o percorrido cara á Franqueira, a pé e en chimpín, nunha viaxe chea de orgullo, tradición e sentimento compartido. 
    
O programa tamén amosará o traballo silencioso de quen deixa todo preparado: os últimos arranxos da igrexa, o son das campás e os pequenos xestos que anuncian o comezo da festa. Nos camiños, as parroquias de Covelo e Prado de Canda uniranse nun dos momentos colectivos máis emocionantes da xornada, avanzando cara ao santuario entre cantos, promesas e devoción. Na parroquia de Uma, os espectadores coñecerán a parte máis íntima da romaría: a fe, as historias persoais e a relación profunda dos veciños coa Virxe da Franqueira. 

A chegada das imaxes á Franqueira será un dos momentos culminantes da xornada, coa entrada das parroquias no santuario entre respecto, aplausos e sentimento colectivo. O programa deterase ademais nos exvotos, nas ofrendas e nas reverencias á Virxe, símbolos dunha devoción popular cargada de significado. 

E, como en toda boa romaría galega, despois do camiño e da emoción tamén chegará a festa: a sesión vermú, a música, os reencontros, a comida, as risas e ese ambiente popular que demostra que na Franqueira a devoción e a celebración van sempre da man. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade