'Luar' contará esta noite con dúas das voces femininas máis especiais da música galega: Rosa Cedrón e Sheila Patricia - CRTVG
'Luar' contará esta noite con dúas das voces femininas máis especiais da música galega: Rosa Cedrón e Sheila Patricia
Momento cumio nos concursos do programa (21:50 h), coa gran final de ‘Vai de Baile’, que disputarán as parellas Maloserá e Trapallada, e a primeira semifinal de ‘Recantos’, en que se enfrontarán Natalia Rivera e Nazaret Reyes

Santiago, 04.07.2025.- No primeiro ‘Luar’ deste mes de xullo, o programa da TVG contará coa presenza da cantante e violonchelista monfortina Rosa Cedrón, a voz que cativou a Mike Olfield e que leva dedicada toda a súa vida á música. Na súa vertente máis clásica e instrumental nos seus inicios e afianzando o seu talento como cantante en máis de dúas décadas de evolución, esta artista converteuse nun referente no ámbito da cultura galega pola súa inconfundible voz e a súa traxectoria, desde o folk máis puro de Luar na Lubre ata a world music que marcou os últimos anos da súa carreira en solitario.
Outra voz feminina que está cativando durante os últimos tempos, e que tamén estará hoxe en ‘Luar’, é a da compositora e intérprete Sheila Patricia, unha das artistas máis sorprendentes e prometedoras da música galega. O seu enfoque único combina as fondas raíces do canto tradicional galego cunha ampla gama de influencias da música electrónica.
A música e o baile traidicional chegará este venres ao espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Esther Estévez da man do grupo Peis D’Hos, dos ritmos verbeneiros encargarase a orquestra Miramar, mentres que o humor será cousa de Campos e Crespo.
Pero, sen dúbida, o momento álxido da noite chegará cos concursos de talentos do programa. Por un lado, celebrarase a gran final de ‘Vai de Baile’, que disputarán as parellas Maloserá e Trapallada. O nome do gañador sairá do veredicto adoptado polo xurado que forman os artistas Mondra, Montse Ribera e Xurxo Fernandes.
Polo outro, contra o final do programa, chegará a primeira semifinal de ‘Recantos’, en que se enfrontarán Natalia Rivera, representante de Terras da Coruña, e Nazaret Reyes, procedente da comarca de Bergantiños. A que convenza o xurado integrado por Laura Añón, Olaia Maneiro e Manuel DeAndrade será a primeira finalista desta edición do concurso.