'Land Rober + Show' bate o seu récord anual e lidera o 'prime time' galego - CSAG
'Land Rober + Show' bate o seu récord anual e lidera o 'prime time' galego
Foi o programa máis visto do mércores e acadou un 16% de cota de pantalla
Televisión de Galicia, líder do prime time deste mércores cun 11,2%
O espazo presentado por Roberto Vilar recibe esta noite en Finlandia o Premio Europeo CIRCOM ao mellor programa de entretemento

Santiago, 21.05.2026.- O espazo de humor da TVG ‘Land Rober + Show’ foi este mércores o programa máis visto en Galicia ao acadar unha cota do 16%, o mellor dato desta temporada; ademais, Televisión de Galicia liderou o prime time, a franxa de maior consumo do día, cunha cota do 11,2%.
O programa presentado polo showman Roberto Vilar consolídase como referente absoluto do entretemento da canle galega nas noites de luns a xoves. Ademais, ‘Land Rober + Show’ celebra hoxe o Premio europeo CIRCOM 2026 ao Mellor Programa de Entretemento. O galardón entregarase esta noite en Finlandia no marco da gala anual de CIRCOM, a maior organización europea de televisións rexionais públicas, que engloba 30 países e preto de 250 canles.
O xurado destacou o programa da Galega como “puro entretemento”, o “forte sentido de identidade e altos valores de produción” e “un notable nivel de improvisación que engade espontaneidade a un programa vivo, dinámico e auténtico”. ‘Land Rober + Show’ suma este recoñecemento aos obtidos en distintas edicións dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego e nos Premios Iris de televisión (2017, mellor programa autonómico).