div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

'Galicia en Goles' acompaña esta fin de semana o Celta en Vilarreal e o Deportivo en Burgos

O baloncesto tamén será protagonista na programación deportiva da Radio Galega, cos partidos Breogán-Joventut, Obradoiro-Estudiantes e Básquet Coruña-Guipuzkoa

csag.gal 24/04/2026 11:49

Santiago, 24.04.2026.-    A Radio Galega e a plataforma de emisión en liña AgalegaAudio.gal ofrecen esta fin de semana unha ampla cobertura do deporte, con especial atención ás ligas profesionais de fútbol e baloncesto. O venres, desde as 20:30 h, Roberto Carlos Carballo conduce ata a medianoite a primeira edición da xornada, coa análise do calendario nas voces dos principais protagonistas e a cobertura do partido que abre a xornada na Primeira División, o Betis-Real Madrid, tendo en conta que o cadro verde e branco é rival directo do Celta por entrar nos postos europeos de cara ao próximo curso.

O sábado, desde as 14:15 h toda a atención pasará polo encontro máis importante da xornada 37 da Segunda División. O Deportivo chega a Burgos en posición de ascenso directo a Primeira División con 64 puntos, empatado co terceiro clasificado, o Almería, ao que avantaxa por ter a favor o goleaverage particular. Mentres, os locais están con 60 puntos, na sexta praza que conduce á fase de ascenso. Javi Torres encargarase da narración dos 90 minutos, mentres Cristian Romero estará nos exteriores do estadio Plantío antes e despois para falar cos afeccionados brancos e azuis.

A tarde tamén atenderá á Primeira RFEF, con seguimento do derbi de Pasarón entre o Pontevedra e o Celta Fortuna. O filial, dirixido por Fredi Álvarez, chega como segundo clasificado do Grupo 1 con 60 puntos e cunha sólida vantaxe de 10 sobre a Ponferradina, primeiro equipo fóra dos postos playoff. O Pontevedra, terceiro con 52 puntos, recuperou o seu mellor nivel coas vitorias ante a Ponferradina (3-1) e en Guadalaxara (1-4), e afronta este choque como unha oportunidade decisiva para recortar distancias. Outras citas do día son a visita do Arenteiro a Pamplona para enfrontarse ao segundo equipo do Osasuna, mentres que o Lugo xoga en Lasesarre ante o Barakaldo.

No polideportivo destaca o balonmán feminino, co enfrontamento na Sangriña entre o Guardés e o Málaga por unha praza na final da European Cup de balonmán feminino. Tras gañar por dous goles de renda na cancha andaluza, o equipo galego está a 60 minutos de entrar por segunda vez na súa historia nunha final continental. Na competición masculina da Asobal, o Cangas recibe no Gatañal o Conquense na carreira por garantir unha temporada máis a permanencia na elite nacional.

O domingo, ás 12:00 h, o baloncesto tomará o mando na edición matinal da Radio Galega. O Breogán recibe no Pazo de Lugo o Joventut, nunha nova xornada da Liga ACB. Os dous equipos están separados por seis triunfos na clasificación, cos de Badalona en postos de playoff polo título e os galegos practicamente salvados de calquera complicación na clasificación.

Na Primeira FEB, o Básquet Coruña pecha a liga regular no Coliseum ante o Guipuzkoa co obxectivo de gañar para meterlle presión ao Obradoiro. O fútbol completará a sesión matinal co horario unificado na Segunda RFEF: Bergantiños-U. D. Ourense e Fabril-Valladoild Promesas, xunto a Primeira Feminina en Riazor, onde o Deportivo recibe o Alhama.

A partir das 14:15 h, o ‘Galicia en Goles’ centrarase na Primeira División coa visita do Celta ao Vilarreal no Madrigal. Tras perder no Camp Nou, o equipo vigués necesita puntuar para seguir optando aos postos europeos, un obxectivo que se complicou tras as últimas derrotas. Mentres, o conxunto de Marcelino acaba de empatar en Oviedo e ten practicamente garantida a terceira praza da clasificación xeral.

A Primeira RFEF programa para a tarde dúas citas do fútbol galego. O Ourense C. F. recibe o Zamora no Couto coa intención de sumar a vitoria para seguir fóra dos postos de descenso. Mentres, o Rácing de Ferrol volve á Malata para enfrontarse ao Avilés co obxectivo de sumar outros tres puntos e continuar a escalada cara ao quinto posto da táboa.

O baloncesto tamén estará presente desde o Multiúsos Fontes do Sar, que acolle o Obradoiro-Estudiantes, decisivo polo ascenso á ACB. Os santiagueses perderon sorprendentemente o pasado martes en Burgos ante o Tizona e, aínda que seguen dependendo de si para ser campións, están obrigados a gañar os tres partidos que lles restan do campionato regular.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade