div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

‘Galicia en goles’, ‘A Tarde’ e o 'Telexornal Deportes', hoxe desde Burela coincidindo co España-Cabo Verde do Mundial

A TVG e a Radio Galega instalan a unidade móbil na praza da Mariña, durante o festival De Cabo a Cabo

csag.gal 15/06/2026 12:21

Santiago, 15.6.2026.-   A programación deportiva da CSAG está marcada hoxe polo comezo do Campionato do Mundo de Fútbol 2026 para a selección española. A estrea é ás seis da tarde ante Cabo Verde no Mercedes-Benz Stadium de Atlanta, nun encontro que ten unha dimensión especial para Galicia pola vinculación histórica de numerosas familias da Mariña lucense coas illas do Atlántico.

A Radio Galega e AGalegaaudio.gal acompañarán a xornada desde primeira hora da tarde. A partir das tres, ‘A Tarde’ ofrecerá unha cobertura informativa e de ambiente do día máis esperado do verán deportivo, cunha programación que se prolongará ata as seis menos cuarto, da man de Antón Rebollido. A continuación, ‘Galicia en goles’ tomará o relevo ata as nove da noite para facer un seguimento completo do partido e das reaccións posteriores, coa mirada posta en todo o que o Mundial ten de galego. Roberto Carlos Carballo conducirá a edición especial.

Tamén esta tarde, a TVG emite o ‘Telexornal Deportes’, dirixido e presentado por Carlos Macía, coa última hora do encontro e toda a actualidade do campionato que se desenvolve desde o xoves pasado en tres sedes: os Estados Unidos, México e O Canadá.

O encontro España-Cabo Verde chega precedido dun acontecemento cultural singular en Burela. A localidade mariñá, onde preto do 10 % dos seus 10.000 habitantes é de orixe caboverdiana, acollerá o festival De Cabo a Cabo, unha iniciativa impulsada polo colectivo Fanto Fantini co apoio do Concello de Burela e da Deputación de Lugo, baixo a dirección creativa do artista burelao Anxo Ferreira. O evento, que se desenvolverá desde a unha da tarde ata a medianoite en espazos como a praza da Mariña, a praia urbana do Portelo e o parque Rosalía de Castro, propón música, arte, gastronomía e convivencia como celebración da identidade compartida que define a vila desde hai décadas.

A programación musical contará con nomes como Baiuca, DJ Danifox, DJ Kandole, Batuko Tabanka, Lilaina e Saya, e incluirá tamén showcookings con cociña senegalesa, caboverdiana e peruana, actividades deportivas, artesanía, mesas de debate e unha instalación artística colectiva coordinada pola artista Alicia Alonso coa participación do IES Monte Castelo e a Confraría de Pescadores de Burela, que cederá preto de 700 metros cadrados de rede de pesca para crear unha intervención vinculada á identidade mariñeira da localidade.

O partido será retransmitido en pantalla xigante na praza da Mariña, no tramo horario das seis menos cuarto a oito da tarde coa narración orixinal da Radio Galega, que se poderá escoitar a través dos altofalantes instalados na praza da Mariña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade