'Galicia bonita' despide a temporada este mércores na TVG con cadansúa reforma en Dubra e Boborás - CSAG
'Galicia bonita' despide a temporada este mércores na TVG con cadansúa reforma en Dubra e Boborás
Rosa e o seu equipo afrontan unha semana pasada por auga no Val do Dubra e por unha intervención complexa na comarca do Carballiño

Santiago, 3.12.2025.- A TVG emite este mércores a derradeira entrega da temporada de ‘Galicia bonita’ (22:45 h), que chega cunha dobre proposta de reformas. O Val do Dubra acolle nesta ocasión ao equipo do programa nunha das semanas máis chuviosas do ano, un factor que condiciona o traballo e pon a proba a capacidade de adaptación da arquitecta Rosa Facal e dos seus colaboradores.
Neste primeiro caso, os protagonistas son Mirasol e o seu irmán Miguel, naturais de Montevideo e seareiros de Nacional, manteñen distancias co integrante uruguaio do equipo de reformas. A propiedade, chea de entullo e con múltiples deficiencias, require unha intervención intensa: retirada de lixo, demolición do galiñeiro, eliminación de mobles antigos e refugallos, vertido dunha soleira de formigón, traballos de salpicado no garaxe e no muro, reparación e pintura das paredes da vivenda, ademais da construción dun novo leñeiro e doutro galiñeiro de madeira, así como o reforzo do tellado do pendello.
A continuación, Rosa e o seu equipo de reformas achegaranse ata a comarca do Carballiño para coñecer Boborás, concello rico en patrimonio arquitectónico e natural. A xefa de 'Galicia bonita' anticipa unha semana con déficit de persoal nunha reforma que aínda non parece ter suficientemente clara tras unha ollada cunha propietaria un tanto dispersa.
A pegada dos romanos nas pedras de Boborás aínda se pode adiviñar nos muros da vivenda de Inés. Porén, perdeuse no ruinoso soportal e galiñeiro da súa enorme leira. Precisamente o galiñeiro e o hórreo é o que máis lle interesa arranxar á propietaria, pero a arquitecta non está de acordo e considera que hai moito máis que facer nesta obra.
