'Expediente oculto' estrea tempada, coa análise polo miúdo do crime de Elisa Abruñedo e a súa investigación inédita - CSAG
'Expediente oculto' estrea tempada, coa análise polo miúdo do crime de Elisa Abruñedo e a súa investigación inédita
O espazo de sucesos falará tamén do caso inconcluso da ourensá Socorro Pérez e incorpora nova sección sobre os sucesos que mellor describen a nosa sociedade falando dos barrios máis conflitivos

Santiago, 14.9.2026.- ‘Expediente oculto’ (22:45 h) estrea esta noite segunda tempada na Televisión de Galicia, con renovación do estudio e novos colaboradores, conducido pola xornalista especializada en sucesos Patricia Abet, que contará cada luns tamén cunha mesa de especialistas e perfís vinculados a cada historia. Un formato de investigación que propón unha ollada rigorosa e transversal sobre crimes reais e a actualidade xudicial e social.
Nesta nova etapa, cómpre salientar a inauguración dunha sección sobre os sucesos que mellor describen a sociedade e onde hoxe se falará dos barrios máis conflitivos, coa análise da xornalista de sucesos Elena Villanueva, o maxistrado Xosé Antonio Vázquez Taín e o xornalista Antón López.
O espazo regresa á canle pública coa reconstrución do crime de Elisa Abruñedo, coñecido suceso desta muller asasinada preto da súa casa en Lavandeira en 2013, e a indagación que permitiu identificar o seu asasino. Un crime icónico, cunha investigación inédita que se prolongou durante unha década. Unha violación atroz, unha familia desfeita e uns axentes que non deixaron de tirar de canto fío atoparon ata que chegaron a Roger Serafín e ao momento da confesión do asasinato tras ser detido pola Garda Civil. Súmase esta noite á mesa o sarxento da Policía Xudicial da Coruña, Marcos Martínez Manteiga.
Por último, o espazo recuperará o caso aínda sen resolver de Socorro Pérez, muller asasinada en Ourense, onde once anos despois o seu verdugo segue libre.
‘Expediente oculto’ reconstrúe en cada emisión casos que marcaron a crónica galega desde a perspectiva da investigación. Da man dos policías e gardas civís que estiveron á fronte das pescudas, o programa percorre os feitos, as probas e as decisións que permitiron avanzar en cada caso.
