Luís Zahera, Óscar Casas, Carlangas e Jorge Mira achegan o mellor humor hoxe a 'Por Rober abandónasme no verán' - CSAG
Luís Zahera, Óscar Casas, Carlangas e Jorge Mira achegan o mellor humor hoxe a 'Por Rober abandónasme no verán'
Dobre entrega do programa esta noite, con máis sketchs e actuacións musicais

Santiago, 14.7.2026.- A TVG ofrece este martes á noite dúas entregas de ‘Por Rober abandónasme no verán' (21:45 h), a proposta de humor, entrevistas e música do universo de Roberto Vilar. Nesta ocasión, os espectadores poderán gozar do divertido sketch ‘Pais cuánticos’, protagonizado por Roberto Vilar e Eva Iglesias coa colaboración especial do físico galego Jorge Mira. O programa recibirá tamén a visita de Carlangas e Natalia Ferviú, que nunha animada conversa con Roberto Vilar achegarán detalles da súa voda e relación. Xuntos interpretarán o tema ‘Podría ser peor’.
A seguinte emisión arrincará co sketch ‘Última carreira’, ambientado nun hospital e protagonizado por Roberto Vilar e Eva Iglesias, aos que se suma Roi Méndez no papel de médico. O programa contará, amais, coa presenza do actor galego Óscar Casas, que falará da súa película ‘Me has robado el corazón’ e dos seus proxectos profesionais.
E a noite complétase co humor de ‘Luís Zahera á sombra’, unha situación disparatada en que o popular actor debe superar o reto de conseguir saír da prisión empregando unicamente 25 palabras. Roberto Vilar, Eva Iglesias e Roi Méndez acompañarán a Zahera neste desafío cheo de moitas risas.
