Xabarin.gal celebra o Nadal cunha chea de estreas e animación para toda a familia - CSAG
Xabarin.gal celebra o Nadal cunha chea de estreas e animación para toda a familia
A proposta especial arranca este venres coa estrea da serie ‘Os Bolechas cantan ao Nadal’, á que seguirán unha edición de Nadal das ‘Aventuras de Paddington’, ‘Betty Atómica’, ‘O abominable meniño das neves’ e ‘O neno e a besta’
A última semana do ano estará dedicada a Wallace e Gromit, cunha selección das súas curtametraxes máis emblemáticas e premiadas
Xa en 2026, o filme xaponés ‘Belle’ e a serie ‘Sarxento Keroro’ sumaranse a unha oferta en que seguirán dispoñibles, en galego, as series máis populares e os personaxes xa imprescindibles para varias xeracións

Santiago, 18.12.2025.- Este Nadal, Xabarín.gal convértese no espazo de referencia para o entretemento familiar en galego cunha programación especial cargada de novidades pensadas para todas as idades. Xunto ás estreas destas datas, a plataforma infantil e xuvenil da CSAG lembra que toda a familia pode seguir gozando en galego de series moi populares, como ‘A patrulla canina’, ‘As aventuras de Paddington’, ‘Ladybug’, ‘As Tartarugas Ninja’, ‘Sonic Boom’, ‘Shin Chan’ ou ‘Doraemon’, dispoñibles de maneira continuada.
A programación especial arranca este venres coa estrea da serie ‘Os Bolechas cantan ao Nadal’, unha viaxe musical polas tradicións galegas destas festas. Braulio percorre diferentes puntos da xeografía para descubrir cantares de Reis e costumes populares que se manteñen vivos grazas ao labor de asociacións culturais e agrupacións musicais. Ese mesmo día ampliarase tamén a sección de músicas do Xabarín cun novo espazo dedicado ás ‘Cancións dos Bolechas cantan ao Nadal’.
O luns 22 de decembro chegará a Xabarin.gal un especial de Nadal das ‘Aventuras de Paddington’, acompañado da creación dunha sección especial de Nadal con contidos temáticos para gozar durante todas as festas. Ao día seguinte, o martes 23, estrearase a serie ‘Betty Atómica’, protagonizada por Betty, unha nena de dez anos que combina a súa vida cotiá cos deberes dunha heroína espacial. Xunto ao piloto alieníxena Sparky e ao robot X-5, forma parte dunha organización secreta que ten como misión salvar a galaxia, nunha serie chea de acción, humor e aventura.
O mércores 24 será a quenda do especial ‘O abominable meniño das neves’, unha historia baseada nun relato de Terry Pratchett que aposta pola empatía e a convivencia a través da relación entre unha avoa, o seu neto e unha sorprendente criatura das neves. Este contido emitirase tamén na G2 o día 25.
O venres 26 estrearase o filme de anime ‘O neno e a besta’, do director Mamoru Hosoda, unha emocionante historia de aprendizaxe, amizade e crecemento persoal ambientada nun mundo fantástico, recoñecida en numerosos festivais internacionais. Recibiu o premio da Academia Xaponesa á mellor película de animación en 2016.
A última semana do ano estará dedicada a Wallace e Gromit, cunha selección das súas curtametraxes máis emblemáticas e premiadas. Así, o luns 29 porase á disposición ‘A aventura espacial’; o martes 30, ‘Os pantalóns trabucados’, e o mércores 31, ‘Polos pelos’. Estas curtametraxes, que tamén se emitirán pola segunda canle da TVG en días posteriores, gañaron numerosos premios internacionais.
Xa no novo ano, o venres 2 de xaneiro, aterrará en Xabarin.gal o filme xaponés ‘Belle’, unha reinterpretación moderna de ‘A Bela e a Besta’ ambientada nun mundo virtual, que explora a identidade, o dó e a beleza interior na era dixital. Esta película recibiu múltiples premios e candidaturas en festivais en 2021 e 2022.
A programación complétase o luns 5, véspera de Reis coa curtametraxe ‘Wallace e Gromit: un asunto de pan ou morte’, unha historia chea de intriga e comedia arredor dun misterioso caso que ameaza o novo negocio de panadaría de Wallace. Candidata aos Óscar e gañadora dun BAFTA á mellor curtametraxe de animación, emitirase na G2 o día 6.
Como última novidade, o venres 9 volverá un clásico do Xabarín: a serie ‘Sarxento Keroro’, unha comedia de animación en que unha ra alieníxena e o seu peculiar exército chegan desde o planeta Keron coa intención de invadir a Terra, pero acaban vivindo situacións tan absurdas e divertidas que a conquista queda sempre en segundo plano.
Con esta programación especial, Xabarín.gal reafirma a súa aposta por un Nadal cheo de animación, humor e historias para compartir en familia, combinando estreas destacadas con series e personaxes xa imprescindibles para varias xeracións.