Toda a actualidade do Entroido, estreas destacadas e moito cinema, esta semana, en AGalega.gal - CSAG
Toda a actualidade do Entroido, estreas destacadas e moito cinema, esta semana, en AGalega.gal
A plataforma estrea este luns ‘CeibaRimas. O freestyle en galego existe’, un programa especial de catro capítulos que recolle a gran final da principal competición de rap improvisado en galego
Durante estes días, iranse incorporando ao catálogo as películas ‘O cazador de recompensas’, ‘O fantasma do Open’, ‘O crente’ e ‘O barón vermello’

Santiago, 16.02.2026.- AGalega.gal continuará durante esta semana recollendo e actualizando toda a actualidade do Entroido en Galicia, consolidándose como punto de referencia para seguir a celebración en todo o país.
Ademais, a plataforma dixital da CSAG incorporará estes días varios contidos destacados, entre os que figuran, este mesmo luns, o programa especial de catro capítulos ‘CeibaRimas. O freestyle en galego existe’, que recolle a gran final da principal competición de rap improvisado en galego. Batallas, actuacións musicais, entrevistas e contido exclusivo para amosar a forza e a vitalidade da cultura urbana galega.
O martes estrearase en AGalega.gal o wéstern ‘O cazador de recompensas’, en que Max Borlund é contratado para capturar un desertor do exército acusado de secuestro. Unha misión marcada polas tensións, as alianzas inesperadas e os intereses cruzados. O filme estará dispoñible durante 30 días.
Tamén se poderá ver durante un mes a comedia dramática ‘O fantasma do Open’, que chegará á plataforma o xoves 19 de febreiro. Dirixida por Craig Roberts, está inspirada na historia real do golfista afeccionado Maurice Flitcroft, coñecido por asinar a peor marca da historia nun Open británico.
Ao día seguinte, venres 20, incorporarase ao catálogo ‘O crente’, que estará dispoñible ata o 30 de abril. Este filme, inspirado na vida real de Daniel Burros, presenta a historia de Daniel Balint, un mozo neoiorquino de familia xudía que cuestiona os dogmas da súa relixión e remata abrazando o nazismo nun proceso cheo de contradicións que acabará por destruílo.
A última estrea da semana será ‘O barón vermello’ (sábado 21), unha produción ambientada na Primeira Guerra Mundial que recrea a figura lendaria de Manfred von Richthofen, coñecido como o Barón Vermello. Este retrato dun personaxe histórico convertido en mito poderá verse durante 30 días.