Tenerife-Rácing de Ferrol, este sábado pola tarde na G2 - CSAG
Tenerife-Rácing de Ferrol, este sábado pola tarde na G2
O domingo haberá xornada de Segunda RFEF na plataforma AGalega.gal, cos partidos Sarriana-Ximnástica Segoviana, Bergantiños-Raio Cantabria e Coruxo-Valladolid Promesas

Santiago, 13.02.2026.- Os afeccionados ao fútbol teñen onde escoller esta fin de semana nos medios públicos galegos, cunha completa axenda de retransmisións das categorías dependentes da Federación Española de Fútbol.
O sábado, a partir das 18:30 h no Heliodoro Rodríguez López, os espectadores da G2 vivirán o enfrontamento entre dous recentemente descendidos da Segunda División e que están programados para volver canto antes ao fútbol profesional. O Tenerife é o líder sólido do grupo primeiro da Primeira RFEF, mentres que o Rácing de Ferrol non acaba de atopar o seu sitio, pero só está a un punto da zona de promoción.
O domingo é o día reservado pola plataforma AGalega.gal para emitir de xeito exclusivo a xornada galega do grupo primeiro da Segunda Federación. A partir das 12:00 h, o campo da Ribela será o punto de directo para seguir o Sarriana-Ximnástica Segoviana. Xa ás 17:00 h, e no formato multifútbol, os espectadores poderán seguir desde As Eiroas o Bergantiños de Carballo-Raio Cantabria e desde o Vao, o Coruxo-Valladolid Promesas.
A información deportiva, nas redes sociais
Cada fin de semana, o equipo de Deportes da Televisión de Galicia reforza a cobertura das redes sociais para ofrecer toda a información nas contas de En Xogo en X, Instagram e Facebook, ademais da plataforma G24.gal. Esta fin de semana, os reporteiros vivirán cos afeccionados os partidos do Celta en Cornellá ante o Español e do Deportivo en Castalia ante o Castellón. Tamén disporán de todos os resumos do fútbol profesional e das categorías da RFEF.
‘En Xogo’
O domingo, ás 22:25 h, a G2 presenta unha nova entrega do programa ‘En Xogo’, con todos os resumos da xornada de fútbol comentados polos ex xogadores Roberto Lago e Dani Mallo, xunto ao colexiado Xabier Rodríguez Campos. Gustavo Varela repartirá xogo durante 90 minutos, nun espazo que se pode ver tamén despois da medianoite pola primeira canle da TVG.
Deportes nos Telexornais
Os informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’ reservan amplos espazos para a xornada deportiva. Xunto ao fútbol, tamén estarán presentes as informacións de baloncesto, cos partidos con presenza galega nas ligas ACB, Federación e Feminina. A volta do fútbol sala será outro dos argumentos, coa visita do Noia a Peñíscola e o enfrontamento do Parrulo Ferrol contra o Santa Coloma. No balonmán haberá seguimento do Cangas-Nava, da Liga Asobal, e das saídas dos equipos galegos na competición feminina: Elda-Porriño e Beti Onak-Guardés.