Superdomingo de 'Galicia en Goles', coas retransmisións dos partidos Celta-Real Sociedade e Rácing de Santander-Deportivo - CSAG
Superdomingo de 'Galicia en Goles', coas retransmisións dos partidos Celta-Real Sociedade e Rácing de Santander-Deportivo
O sábado, a Radio Galega ofrecerá o Zaragoza-Breogán e o Obradoiro-Melilla de baloncesto
A oferta deportiva comezará o venres, cando a primeira edición do ‘Galicia en Goles’ porá o foco no Coliseum, onde o Básquet Coruña recibe o Palma na 1ª Federación

Santiago, 16.10.2025.- A fin de semana está chea de deporte na programación de FM da Radio Galega e da plataforma AGalega.gal. O venres, desde as 20:30 h, Roberto Carlos Carballo dirixe a primeira edición de ‘Galicia en Goles’ coa atención posta no Coliseum, onde o Básquet Coruña recibe o Palma na Primeira Federación de baloncesto. O equipo herculino demostrou no comezo do campionato a solidez do proxecto, con tres vitorias nas tres primeiras xornadas.
O sábado, a partir das 14:15 h, o fútbol tomará o mando coas ligas da Federación. Na Malata, o Rácing de Ferrol recibe o Arenas de Getxo, e no Anxo Carro haberá derbi galego entre o Lugo e o Celta Fortuna. Entre un e outro serán protagonistas a visita do Arenteiro ao estadio Romano para medirse ao Mérida e o Pontevedra-Osasuna B en Pasarón. Completa a tarde de fútbol o Unión Deportiva Ourense-Langreo no Couto, dentro da xornada da Segunda RFEF.
Outro dos deportes con cobertura no ‘Galicia en Goles’ é o baloncesto. A terceira xornada da Liga ACB presenta a visita do Breogán ao Príncipe Felipe para enfrontarse ao Zaragoza. Antes, na xornada da Primeira FEB, o Obradoiro recibe o Melilla no Sar.
Xa o domingo, a edición matinal principia ás 12:00 h co seguimiento no Couto do Ourense-Castela, da Primeira RFEF. Outro punto de directo será Riazor, onde o Deportivo feminino recibe o Atlético de Madrid. Mentres, A Malata acollerá o Baxi Ferrol-Araski da Liga feminina de baloncesto.
Ás 14:15 h comezará un superdomingo de fútbol profesional, co Celta-Real Sociedade en Balaídos. O equipo de Claudio Giráldez busca tras o paro polas seleccións a primeira vitoria na Liga de Primeira División, con Borja Iglesias reforzado tras xogar nos dous partidos de clasificación con España. Despois chegará no Sardinero o Rácing de Santander-Deportivo, coa volta de Mella tras disputar o Mundial sub-20. As ligas da Segunda e Terceira Federación completarán a tarde dominical ata chegar ás 21:00 h, hora prevista para o tempo de opinión dos especialistas coa análise dos resultados e do xogo dos representantes galegos.
#GaliciaEnXogo
Ás 23:00 h, xa rematados os partidos, o ‘Galicia en Goles’ abre unha ventá a outras disciplinas dentro do proxecto #GaliciaEnXogo. Rodrigo Pérez ofrecerá as principais declaracións dos pilotos participantes no rally de San Froilán, e Toni López conversará ás 23:30 h con deportistas novos que soñan con alcanzar a clasificación para os Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028.