div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Sevilla-Celta e As Palmas-Deportivo, no ‘Galicia en goles’ da Radio Galega

Esta xornada o programa amplía as emisións ata a noite do luns

csag.gal 08/01/2026 15:30

Santiago, 8.1.2026.-  O calendario da Primeira División provoca que esta xornada de Liga o ‘Galicia en goles’ amplíe as emisións un día máis, comezando na noite do venres e rematando a última hora do luns. O venres, desde as oito e media do serán, Roberto Carlos Carballo abre a fin de semana analizando en profundidade todo o calendario cos protagonistas dos principais partidos.

O sábado, ás dúas e cuarto da tarde, comezará a rodar o balón no estudio multimedia da Radio Galega e AGalega.gal, con atención especial ao fútbol da Segunda División no estadio Gran Canaria, onde o Deportivo da Coruña busca recuperar o crédito perdido nas últimas semanas. O rival é o segundo clasificado e un rival directo polo ascenso, a Unión Deportiva As Palmas, polo que a operación semella complicada para o cadro herculino. 

A Primeira RFEF tamén estará presente na programación co derbi no Espiñedo entre o Arenteiro e o Club Deportivo Lugo. Os locais volveron á zona de descenso e os visitantes colocáronse a catro puntos dos postos de promoción de ascenso. Mentres, o Rácing de Ferrol recibe o filial do Athlétic de Bilbao na Malata, unha cita que chega tras a destitución de Pablo López como preparador departamental. Ademais, o Pontevedra defende a cuarta praza no Ramón Suárez Puerta fronte ao Avilés Industrial. O derbi de Segunda RFEF entre o Fabril e o Coruxo xunto ao Estradense-Compostela da Terceira son outros dos argumentos futbolísticos do día. 

O baloncesto tamén estará presente por partida dobre no dial da Radio Galega. Na Liga ACB destaca o Manresa-Breogán, co equipo de Lugo en plena loita por acceder a unha das prazas que dá dereito a disputar a Copa do Rei. Na Primeira FEB terceiro derbi galego do curso, desta volta no Paco Paz co enfrontamento entre o Ourense e o segundo clasificado do campionato, o Obradoiro.

Xa o domingo, a edición matinal principia ás doce do mediodía co fútbol feminino desde Riazor, onde o Deportivo da Coruña recibe o Tenerife. Mentres, Balaídos acolle o Celta Fortuna-Barakaldo de Primeira RFEF e no baloncesto destaca o Alacant-Basquet Coruña da Primeira Federación. Ás dúas e cuarto, a sesión de tarde xirará arredor da Segunda RFEF de fútbol co Unión Deportiva Ourense-Salamanca e o Bergantiños-Ávila. A Terceira RFEF completará o primeiro treito do programa, para dar paso ás oito do serán a final da Supercopa de España ao estilo dun amplo equipo de especialistas reforzado co humor de Tito Rober.

#GaliciaEnXogo

Na última hora do domingo, o ‘Galicia en goles’ abre unha ventá ao proxecto que leva o cancelo de #GaliciaEnXogo. Na primeira media hora, Rodrigo Pérez actualiza a información do motor, que este mes de xaneiro pasa polo clásico rally Dakar. Ás once e media, Toni López estrea o 2026 coas primeiras entrevistas aos galegos e galegas que teñen as ilusións postas nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade