div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Semana cargada de retransmisións deportivas na G2 e AGalega.gal, con fútbol, hóckey sobre patíns, balonmán feminino e motocrós

A plataforma ofrecerá este xoves o partido de veteranos entre a selección de Galicia e o Real Madrid, mentres que o venres, tamén a través da segunda canle, poderá verse o Liceo-Alcoi dos cuartos de final da Copa do Rei de hóckey

O sábado, derbi galego na Primeira RFEF, co enfrontamento entre o Pontevedra e o Ourense C. F., e cuartos de final da Europa League entre o Guardés e o Elx

Xa o domingo, os afeccionados ao motor poderán seguir en directo as dúas mangas do Gran Premio de Andalucía do Mundial MXGP

csag.gal 18/03/2026 16:00

Santiago, 18.03.2026.-    A Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal ofrecen esta semana unha ampla oferta de retransmisións deportivas. A primeira chegará o xoves festivo desde o campo da Senra, en Ribadumia, onde ás 12:00 h disputan un partido amigable a selección galega de veteranos e as lendas do Real Madrid. A emisión chegará de xeito exclusivo a través da plataforma AGalega.gal.

Os afeccionados poderán ver en acción, entre outros, os ex futbolistas Changui, Rubén González, Charles e Roberto Trashorras co combinado galego, en que exercerá como adestrador Luis Carro. Mentres, José Antonio Camacho convocará no equipo branco a históricos como Paco Buyo, Luis Milla, José Emilio Amavisca e Balboa. 

O venres, a segunda canle da TVG e AGalega.gal emitirán desde as 21:30 h o cruzamento de cuartos de final da Copa do Rei de hóckey sobre patíns entre o Liceo da Coruña e o Alcoi. No caso de superar as seguintes eliminatorias, a G2 tamén estaría presente na tarde do sábado coa semifinal e na final programada para o mediodía do domingo.

O fútbol da Primeira RFEF chegará como cada sábado á G2 a partir das 16:15 h. Esta xornada haberá un novo derbi galego, desta volta desde Pasarón, co enfrontamento entre o Pontevedra e o Ourense C. F. A continuación, contra as 19:00 h, tomará o mando na grella o partido de ida dos cuartos de final da Europa League de balonmán feminino entre o Guardés e o Elx desde o pavillón da Sangriña. Mentres, AGalega.gal emitirá ás 18:00 h o enfrontamento entre a Sarriana e o Langreo desde o campo da Ribela.

A programación deportiva da G2 e AGalega.gal continúa o domingo ás 13:00 h coa primeira manga do Gran Premio de Andalucía do Mundial MXGP de Motocrós, que terá unha segunda entrega ás 16:00 h. AGalega.gal ofrecerá a xornada da Segunda RFEF, primeiro o Coruxo-Numancia ás 12:00 h, e ás 17:00 h, o Fabril-Lealtad e o U. D- Ourense-Sámano, no espazo de multifútbol.

‘En Xogo’

O domingo, ás 22:30 h na G2 e pasada a medianoite na TVG, o histórico programa ‘En Xogo’ ofrecerá amplas reportaxes dos partidos de fútbol profesional Celta-Alavés e Deportivo-Zaragoza. Gustavo Varela conduce a mesa de debate, en que participan os exfutbolistas Roberto Lago e Dani Mallo xunto ao analista arbitral Xabier Rodríguez Campos. Ademais, os espectadores poderán ver todos os goles dos equipos galegos nas ligas organizadas pola Federación Española de Fútbol.

Deportes nos Telexornais

Os informativos ‘Bos Días’, ‘Telexornal Mediodía’ e ‘Telexornal Serán’ dedican amplos espazos á información deportiva durante a fin de semana. Esta xornada, xunto os resumos das ligas de fútbol, será noticia o baloncesto, cos partidos Gran Canaria-Breogán, Básquet Coruña-Tizona Burgos, Obradoiro-Mallorca, Euskotren-Baxi Ferrol e Salamanca-Ensino.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade