Rosa López, a Orquestra La Fórmula e Jinetes del Trópico poñen música hoxe a un 'Luar' dedicado aos carteiros - CSAG
Rosa López, a Orquestra La Fórmula e Jinetes del Trópico poñen música hoxe a un 'Luar' dedicado aos carteiros
O programa contará, amais, con Pandeireteiros O Fiadeiro, Virginia Cruz, Víctor Fábregas, humor, baile e unha nova edición de ‘Recantos’

Santiago, 27.02.2026.- ‘Luar’ (21:40 h) dedícalle este venres o programa ás ‘cartas e carteiros’, cun cartel artístico variado e pensado para todos os públicos. Un dos pratos fortes musicais será Rosa López, que interpretará ‘Almanjáyar’, un tema moi persoal en que reivindica as súas raíces. Xunto a ela, destacará tamén no escenario Virginia Cruz, flamante gañadora da última edición de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ da TVG, que emocionará co clásico galego ‘Lela’.
A parte máis festiva correrá a cargo da Orquestra La Fórmula, que fará vibrar os espectadores con propostas cheas de ritmo. O son latino continuará con Jinetes del Trópico, que interpretarán ‘No chimpín’ e ‘Colegiala’, mentres que os Pandeireteiros O Fiadeiro achegarán a forza da música tradicional galega.
No apartado humorístico, intervirán o dúo Todo Mal e tamén Patricia Vázquez, cuxo papel de Rosita deixará algúns dos momentos máis divertidos da noite. Ademais, os 12 concursantes da nova edición de ‘Bailamos’ ofrecerán un número de danza que servirá de carta de presentación do concurso.
O fío condutor de ‘Luar’ esta noite será o carteiro, encarnado por Víctor Fábregas, que percorrerá o estudio entregando cartas cargadas de mensaxes e sorpresas. E finalmente, ‘Recantos’ poñerá a emoción competitiva, coa participación de Cris, de Lugo Sur, e Parawy, representante de Terras do Eume.