Os premios de curtas en galego 'Nós tamén creamos!' galardoan o traballo de alumnos de Lalín, Vilamartín de Valdeorras, Vigo, Aldán, A Coruña e Pontevedra - CRTVG
Os premios de curtas en galego 'Nós tamén creamos!' galardoan o traballo de alumnos de Lalín, Vilamartín de Valdeorras, Vigo, Aldán, A Coruña e Pontevedra
Os galardóns foron entregados este mércores en Santiago nun acto celebrado no CGAC
Este concurso de curtas en galego, elaboradas coa técnica de stop-motion, leva 13 anos fomentando a creatividade en lingua galega

Santiago, 18.06.2025.- Alumnos de Educación Infantil e Primaria de seis centros escolares de Lalín, Vilamartín de Valdeorras, Vigo, Aldán, A Coruña e Pontevedra recolleron este mércores os premios do concurso de curtametraxes de animación en galego ‘Nós tamén creamos!' que organizan cada curso a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a CRTVG e OQO editora. As curtas premiadas, e tamén as do resto de centros participantes, pódense ver xa na plataforma Xabarin.gal da CRTVG.
Na categoría de 2º ciclo de Educación Infantil o galardón foi para o proxecto ‘Árbores no camiño’, do CEIP Xesús Golmar, de Lalín, e déuselle un accésit á peza ‘O avó de Zulaimar’, do CEIP Xosé Manuel Folla Respino, de Vilamartín de Valdeorras (Ourense). No caso de 1º e 2º de Educación Primaria gañou o premio a curta ‘Valentina nunca calas…’, creada por alumnos do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao, de Vigo. Nesta categoría, tamén se decidiu entregar un accésit ao traballo ‘Coas mans baleiras’, do CEIP da Espiñeira-Aldán (Pontevedra).
A distinción en 3º e 4º de Primaria foi para o vídeo ‘Navega, caracol’, do CEIP Emilia Pardo Bazán de A Coruña, mentres que, na categoría de 5º e 6ª de Primaria, gañou o premio a curta ‘O avó de Zulaimar’, do CEIP Santo André de Xeve (Pontevedra).
‘Nós tamén creamos!’ é un programa escolar de dinamización lingüística no que participan curtametraxes de animación editadas nos centros escolares coa técnica stop-motion partindo de narracións literarias, sempre en galego.
No acto, celebrado no CGAC, participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; a subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, María Coutinho, o responsable da área audiovisual de OQOeditora, Borja Guerrero, e a xefa de Comunicación Corporativa e RSC da CRTVG, Marta Fernández.
O certame fomenta a creatividade e o uso do galego no traballo de aula achegando os cativos ao eido audiovisual e ás TIC. Tamén supón unha oportunidade para fomentar a lectura e o ocio en galego entre os máis pequenos. A CRTVG conta cunha sección especial ‘Nós tamén creamos!’ na súa plataforma dixital infantil Xabarin.gal, a maior oferta de contidos audiovisuais infantís en galego, na que se poden ver as curtas producidas nesta edición 2024/2025 do certame.
