Os padriños de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios' réndenlle esta noite homenaxe a Javier Saavedra polos seus 40 anos na orquestra Los Satélites - CSAG
Os padriños de 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios' réndenlle esta noite homenaxe a Javier Saavedra polos seus 40 anos na orquestra Los Satélites
Mellorar a colocación da voz, traballar a dicción e controlar a presión serán os ‘deberes’ que o xurado lles porá a algúns dos concursantes

Santiago, 06.12.2025.- A sétima edición de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ (22:00 h), arbitrada por María Mera, segue o seu curso e os espectadores da TVG vivirán esta noite outra rolda chea de espectáculo, talento e moita emoción.
Emoción que chegará a moreas coa merecida homenaxe que os padriños lle renderán a Javier Saavedra polos seus 40 anos na orquestra Los Satélites. Despois do tema tributo, Iago Pico promételle a Lito que se vén máis veces ao programa, componlle un tema para el, e Lito acepta o reto.
En canto aos concursantes, esta semana comezan as emocións fortes en ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’. Carlos e Lucía afianzan a súa posición, despois de conseguir ambos os dous a máxima puntuación do xurado a semana pasada. Finalmente, Carlos resultou vencedor do programa anterior.
As actuacións dos aspirantes provocarán todo tipo de reaccións no xurado integrado por Roi Casal, Carolina Rubirosa, Iago Pico e Antón Reixa. Mellorar a colocación da voz, reducir os ‘quejíos’, traballar a dicción e controlar a presión serán os ‘deberes’ que lles porá a algúns dos participantes. Noutras actuacións, serán recoñecidos o talento, a dedicación e a emoción que transmiten.