O Xabarín da TVG, protagonista do derbi CD Lugo-Pontevedra CF este sábado no Anxo Carro - CSAG
O Xabarín da TVG, protagonista do derbi CD Lugo-Pontevedra CF este sábado no Anxo Carro
A mascota da Galega saltará ao campo para celebrar os 40 anos de emisións deportivas dos medios públicos autonómicos
O partido poderá seguirse a través da G2, desde as 16:15 h, e tamén pola Radio Galega

Santiago, 21.11.2025.- O Xabarín da Televisión de Galicia saltará ao céspede do estadio Anxo Carro de Lugo este sábado no descanso do derbi que enfrontará o CD Lugo e o Pontevedra CF, de 1ª RFEF, e que vai retransmitir a Televisión de Galicia pola G2 desde as 16.15 horas.
A mascota do Club da Galega viaxa a Lugo para participar no derbi xunto con Nabic, a mascota lucense, e celebrar os 40 anos da TVG e da Radio Galega, cumpridos neste 2025, e os 40 anos de retransmisións e apoio ao fútbol galego.
Os espectadores poderán seguir a emisión do derbi a través da segunda canle da Televisión de Galicia, narrada por Patricia Rodríguez e Dani Mallo, e con Emilio González, Fer Romero e Rafa Porto nos micrófonos da Radio Galega.
O Lugo e o Pontevedra veñen de sumar cadanseu empate na xornada pasada, que os deixa nunha situación cómoda na clasificación, aínda que un chisco lonxe dos primeiros que optan ao ascenso directo e á promoción.