div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

O Spórting-Deportivo de Segunda División e o Breogán-Manresa da Liga ACB centran o 'Galicia en Goles' do sábado na Radio Galega

O domingo, o protagonismo será para os partidos da Primeira e Segunda RFEF de fútbol

csag.gal 26/03/2026 17:00

Santiago, 26.03.2026.-    Este venres, ás 20:30 h, Roberto Carlos Carballo pon en marcha a maquinaria das retransmisións deportivas da Radio Galega para a fin de semana. Na primeira edición, ata as 00:00 h, o ‘Galicia en Goles’ xirará arredor do Coliseum, coa celebración do partido da Primeira FEB entre o Básquet Coruña e o Cartaxena. Ademais, o programa seguirá o dianteiro do Celta Borja Iglesias no España-Serbia que se disputa no Madrigal de Vilarreal. Outro dos contidos destacados do día é a gala organizada en Santiago de Compostela pola Federación Galega de Atletismo para premiar os mellores de 2025.

O sábado, desde as 14:15 h, o protagonismo será no primeiro treito para o fútbol da Primeira RFEF coa disputa de tres encontros: Zamora-Pontevedra, Mérida-Rácing de Ferrol e Unionistas-Arenteiro. Riazor será outro dos puntos de directo, xa que o Deportivo da Coruña recibe o Éibar na Primeira División de fútbol feminino. A media tarde tomará o mando o baloncesto, coa Liga ACB no Pazo de Lugo, onde o Breogán recibe o Manresa co obxectivo de alcanzar a décima vitoria do curso. A Primeira RFEF levará a audiencia ao pavillón Paco Paz, co Ourense e o Zamora necesitados dun triunfo que os achegue á novena praza que dá dereito a disputar as eliminatorias de ascenso.

A partir das 20:00 h e ata a medianoite, toda a atención estará posta no Molinón, coa visita do Deportivo da Coruña ao Spórting de Xixón nun dos encontros máis atractivos do calendario da Segunda División. Logo de gañar os dous últimos encontros nos minutos finais, o equipo que prepara Antonio Hidalgo defende a segunda praza de ascenso directo ante un rival que apura as últimas opcións para seguir aspirando ao playoff

Xa o domingo, a edición matinal principia ás 12:00 h con dúas coberturas na Primeira RFEF. A primeira é a cita dos filiais do Celta e do Athlétic de Bilbao en Balaídos, que ocupan a segunda e a terceira praza da táboa, respectivamente. Mentres, o estadio do Couto é o escenario do Ourense C. F.-Ponferradina, cos galegos obrigados a puntuar para non caer na zona de descenso directo e os bercianos indo a máis na segunda volta co obxectivo de entrar nos postos de playoff de ascenso.

Ás 14:15 h chegará a sesión de tarde, coa Segunda RFEF como protagonista. As Eiroas acolle o derbi galego entre o Bergantiños e o Coruxo, mentres o Fabril defende o liderado no Arsenio Iglesias ante o Astorga. Pola noite, o estadio Príncipe Felipe será o escenario do Cacereño-Lugo, coa estrea no banco galego de Álex Ortiz tras a destitución de Iago Iglesias. Durante o programa, o baloncesto estará presente coa visita do Obradoiro ao Mallorca na carreira dos santiagueses por seguir dependendo de si para lograr o ascenso directo á ACB.

#GaliciaEnXogo

Cando remate a xornada deportiva, contra as 23:00 h, Rodrigo Pérez prenderá o motor do proxecto que leva o cancelo #GaliciaEnXogo para informar do papel de Rubén Fernández na proba do Mundial MXGP de motocrós disputada en Suíza e outras noticias dos pilotos galegos de rallys. Ás 23:30 h, Toni López abriralles as portas dos estudios da Radio Galega aos deportistas galegos que están xusto no ecuador do ciclo olímpico para os Xogos dos Ánxeles 2028.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade