O programa 'Luar' recibe este venres a visita de Andy, Los Vivancos e Nacha la Macha - CSAG
O programa 'Luar' recibe este venres a visita de Andy, Los Vivancos e Nacha la Macha
A orquestra Costa Dorada e o grupo tradicional Abeleiras tamén actuarán nunha noite en que se celebrará a segunda semifinal de ‘Recantos’, entre Lu Pérez e Uxía

Santiago, 10.07.2026.- O programa ‘Luar’ (21:45 h) contará hoxe coa presenza de Andy, que lles presentará a público e espectadores o seu primeiro proxecto en solitario, titulado ‘Solo’. Tras máis de dúas décadas formando parte do emblemático dúo Andy & Lucas, o artista gaditano emprende un camiño propio que conserva a emoción e a proximidade que o fixeron popular, pero que avanza cara a un son máis persoal, maduro e libre. O seu disco é unha viaxe sonora polas súas raíces, con rumbas con toques latinos que convidan ao movemento e baladas pop de corte clásico.
Por outro lado, os irmáns Elías, Judah, Josua, Cristo, Israel, Aaron e Josué, máis coñecidos como Los Vivancos, volven traer hoxe a súa arte ao escenario de ‘Luar’. Baile, danza contemporánea, folclore, artes marciais e tap dance fusiónanse nas súas propostas espectaculares, cheas de forza e fantasía.
O espazo da TVG tamén recibirá esta noite a visita de Nacha la Macha, unha das transformistas máis famosas de España, artista de escenarios múltiples e amante da copla, o humor e o espectáculo. Incómoda para algúns e admirada por outros, logrou construír unha personaxe irreverente e provocadora que di e canta o que sente. E así o demostra no seu último sinxelo, ‘El arte sigue aquí’, en que reivindica o uso do español en detrimento de anglicismos que fomos incorporando ao noso día a día. Ademais, pasarán polo escenario a orquestra Costa Dorada e o grupo tradicional Abeleiras.
Un dos momentos máis emocionantes da noite chegará contra o final do programa, coa segunda semifinal de ‘Recantos’, en que se enfrontarán Lu Pérez, representante da comarca da Arousa, e Uxía, de Terras de Compostela, polo último oco na gran final. Lamar (Noia-Barbanza) xa é finalista, e este venres os espectadores descubrirán contra quen cantará na final da vindeira semana.