O ‘Galicia en goles’ abre o venres en Balaídos a xornada da fin de semana co Celta-Osasuna - CSAG
O ‘Galicia en goles’ abre o venres en Balaídos a xornada da fin de semana co Celta-Osasuna
Deportivo-Albacete, o domingo pola tarde desde Riazor

Santiago, 05.02.2026.- Este venres pola noite a primeira edición de ‘Galicia en goles’ vai estar centrada no partido da Primeira División de fútbol entre o Celta de Vigo e o Osasuna de Pamplona. A partir das oito e media do serán, Roberto Carlos Carballo reparte xogo a un quinteto de luxo integrado por Víctor López, Moncho Carnero, Jose Valtierra, Gonzalo Alonso e Mr. Asubío. O equipo de Claudio regresa a casa tras tres saídas consecutivas, con derrota en Anoeta e cadanseu empate en Getafe e Belgrado, co obxectivo de sumar unha vitoria que o achegue un chisco máis aos postos de privilexio que conducen ás competicións europeas.
O sábado, a partir das dúas e cuarto da tarde, a atención pasará polo fútbol da Primeira Federación. O Rácing de Ferrol e o Club Deportivo Lugo protagonizan o derbi da xornada no estadio da Malata. Os dous veñen de perder na pasada xornada e continúan fóra dos postos de promoción de ascenso á Segunda División profesional. Mentres, o Arenteiro necesita derrotar no Espiñedo o Avilés para tratar de fuxir da zona de descenso á Segunda RFEF. Completa o calendario da categoría a visita do Ourense, tamén necesitado de puntos, ao campo do Unionistas de Salamanca. Pola noite, o baloncesto tomará o mando co encontro da Liga ACB no Pazo de Lugo entre o Breogán e o Murcia.
Xa o domingo, a sesión matinal das doce do mediodía xirará arredor do Pontevedra-Castela, en Pasarón. Os granates defenden a terceira praza ante un filial que foi a menos nas últimas semanas tras o ascenso de Arbeloa ao primeiro equipo do Real Madrid. O baloncesto tamén estará presente no Pazo de Lugo, co enfrontamento entre o Ensino e o Zaragoza. Ademais haberá clásico en Riazor, na Liga de hóckey sobre patíns con enfrontamento entre os dous primeiros clasificados, o Liceo e o F. C. Barcelona.
Ás dúas e cuarto, a sesión de tarde atenderá en Riazor ao Deportivo-Albacete da Segunda División. Tras gañar en León, a intención do cadro herculino é agora recuperar praza de ascenso directo á Primeira División e todo pasa por sumar os tres puntos ante o cadro manchego, que vén de quedar eliminado da Copa do Rei ante o F. C. Barcelona. A tarde dominical complétase co Ponferradina-Celta Fortuna, da Primeira RFEF, no Toralín e co derbi da Segunda RFEF entre a Unión Deportiva Ourense e o Coruxo. Unha xornada máis o equipo das Burgas terá que xogar lonxe do Couto, desta volta no campo de Coles.
#GaliciaEnXogo
O motor galego e os deportes olímpicos comparten proxecto no Radio Galega e AGalegaAudio.gal baixo o paraugas que leva o cancelo #GaliciaEnXogo. Ás once da noite, Rodrigo Pérez analizará a decisión do piloto Javier Pardo de non participar na temporada de rallies por falta de recursos económicos. A partir das once e media Toni López García conversará cos deportistas galegos que miran con ilusión aos Xogos Olímpicos dos Ánxeles 2028.