O documental 'Salvaxe, Salvaxe', participado pola TVG e que compite nos Mestre Mateo desta fin de semana, preestréase o xoves na MICE de Santiago - CRTVG
O documental 'Salvaxe, Salvaxe', participado pola TVG e que compite nos Mestre Mateo desta fin de semana, preestréase o xoves na MICE de Santiago
Antes da súa chegada ás salas de cine o 21 de marzo, fará tamén parada en Corcubión, Betanzos, Pontedeume, Oleiros e A Coruña
A primeira longametraxe de Emilio Fonseca, que obtivo recoñecementos en numerosos festivais, foi rodada entre Galicia e Portugal e busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos

Santiago, 12.03.2025.- ‘Salvaxe, Salvaxe’, a primeira longametraxe do cineasta Emilio Fonseca, participada pola TVG e candidata a mellor documental nos Premios Mestre Mateo que se entregan o 15 de marzo, terá este xoves a súa preestrea na MICE, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Santiago de Compostela.
Antes da súa chegada ás salas de cine o vindeiro 21 de marzo, a película fará tamén algunhas paradas especiais, como a do día 14 na Capela de Santa Ana de Corcubión e no Cine Alfonsetti de Betanzos, a o do 18 en Pontedeume ou a do 19 en Oleiros. A xira de preestreas rematará cunha premiere nos Cines Cantones da Coruña o 20 de marzo. Ademais, ‘Salvaxe, Salvaxe’ puido verse xa fóra das nosas fronteiras, no Festival Internacional de Documentais de Tesalónica.
Este documental, rodado entre Galicia e Portugal coa compaña de científicos/as e investigadores, busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Un exercicio fílmico que se achega ao silvestre sen suplantalo, co desexo de descubrir a súa existencia e sen necesidade de representalo, revelando tanto as imaxes de ausencia como as de encontro.
‘Salvaxe, Salvaxe’ é un anti-documental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a ollada á cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. O filme rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico, atravesando unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio, e enfrontándose a unha historia audiovisual feita de imaxes-simulacro do natural salvaxe. Nun tempo de colapso e catástrofe ecolóxica, este ensaio fílmico interroga os límites entre o doméstico e o indómito, entre o puro e o híbrido.
Este proxecto de Walkie Talkie Films, producido por Animala e Xiana do Teixeiro, obtivo recoñecementos en festivais como o de Málaga (premio mellor documental), FICG Guadalajara (mención especial Premio Socioambiental), Play-Doc (mellor documental galego), Alcances (mención especial), Ourense (mellor dirección Galicia) ou Another Way (premio do público Impacto). Tamén estivo en competición noutros certames como o Festival de Documentais de Tesalónica, Porto/Post/Doc, MajorDocs, Cinespaña Toulouse ou L’Alternativa de Barcelona.