O desenlace da eliminatoria Celta-PAOK, este xoves na Radio Galega e en AGalegaAudio.gal - CSAG
O desenlace da eliminatoria Celta-PAOK, este xoves na Radio Galega e en AGalegaAudio.gal
Desde as 20:00 h estará en xogo o pase aos oitavos de final da Europa League

Santiago, 25.02.2026.- A aventura do Celta de Vigo na Europa League continúa este xoves. A Radio Galega prepara unha ampla despregadura para contar desde as 20:00 h o partido de volta dos dezaseisavos de final en que o equipo olívico defende o 2-1 obtido a semana pasada no estadio Toumba de Tesalónica ante o PAOK.
O Celta foi moi superior nos primeiros 90 minutos da eliminatoria e nesta segunda cita é o claro favorito. Ao seu favor tamén ten o precedente da primeira fase, coa vitoria galega por 3-1. Roberto Carlos Carballo conducirá a edición especial de ‘Galicia en Goles’ que estará en antena durante catro horas, ata as 00:00 h e que tamén se poderá seguir por AGalegaAudio.gal. Víctor López encargarase da narración do xogo, cos comentarios dos adestradores Moncho Carnero e Xosé Valtierra, xunto a Mr. Asubío na análise arbitral. Mentres, Gonzalo Alonso moverase cun micrófono sen fíos polos exteriores do estadio para recoller as voces dos seareiros antes e despois do encontro.
Claudio Giráldez está logrando que o seu equipo conviva perfectamente nas dúas competicións en que participa este ano. O pasado domingo derrotou o Mallorca cos dous goles de Iago Aspas, que tamén foi diferencial tres días antes no terreo grego.
O Celta-PAOK abre o xoves a semana de retransmisións deportivas da Radio Galega. O venres, no tempo dos deportes de ‘A Crónica’ e na edición nocturna de ‘Galicia en Goles’, os seareiros terán toda a información do Lugo-Bilbao Athlétic, da Primeira RFEF, xunto ao Noia-El Pozo Murcia de fútbol sala, a celebración dos 25 anos da Vigo-Baiona de atletismo e a primeira xornada do Rally da Coruña.
O sábado, a partir das 14:15 h, a Primeira RFEF será a protagonista coa cobertura dos partidos Talavera-Rácing de Ferrol, Celta Fortuna-Mérida, Osasuna B-Pontevedra e Ourense C. F.-Arenteiro. A Terceira aproveita a xornada de descanso para actualizar o calendario, coa celebración do Xuventude de Cambados-Compostela. No polideportivo destaca o Ensino-Gran Canaria de baloncesto feminino, xunto á segunda xornada do Rally da Coruña e o Parrulo Ferrol-Santa Coloma de fútbol sala.
Xa o domingo, a xornada matinal comezará ás 12:00 h cos protagonistas da media maratón da Coruña e da primeira proba da temporada na BTT que se vai desenvolver en Bertamiráns. A partir das 14:00 h, o estadio de Anoeta centrará a sobremesa coa visita do Deportivo ao filial da Real Sociedade. Durante a tarde, a Segunda RFEF ofrecerá os derbis Sarriana-U. D. Ourense e Fabril-Bergantiños. Pola noite, o estadio Montilivi acollerá a visita do Celta ao Xirona na Primeira División. A emisión do encontro prolongarase ata as 00:00 h, para ofrecer as conferencias de prensa dos adestradores Claudio e Míchel, xunto ás entrevistas aos futbolistas máis destacados.