Noite de emocións en 'A liga dos cantantes extraordinarios', que homenaxea a TVG polo seu 40 aniversario cun popurrí moi especial - CRTVG
Noite de emocións en 'A liga dos cantantes extraordinarios', que homenaxea a TVG polo seu 40 aniversario cun popurrí moi especial
Cristina Eiró é nesta entrega a ‘extraordinaria de ouro’, mentres que a madriña Alejandra Pais sorprenderá os espectadores cunha actuación xunto a DJ Son1c

Santiago, 8.7.2025.- ‘A liga dos cantantes extraordinarios’ (21:45 h) promete unha nova noite de emocións. Hoxe toca poñer en práctica as 'particellas' do programa anterior e ver se os nosos concursantes as dan superado con éxito.
Para dar consellos aos concursantes con vistas á final, visita o estudio Cristina Eiró, finalista da quinta edición e ‘extraordinaria de ouro’ desta entrega, que se une aos padriños nun 'medley' homenaxe moi especial dedicado ao 40 aniversario da TVG cun repaso das sintonías máis coñecidas polo público.
Contra o final do programa, a madriña Alejandra Pais sorprenderá os espectadores cunha actuación xunto a DJ Son1c, cunha fusión entre a música tradicional galega e o dance.
Os concursantes están apadriñados por artistas que representan as catro mellores orquestras de Galicia. Deste xeito, Yordanys Miguel e Lucía Samoelle contarán co apoio de Blas como padriño pola escudaría París de Noia; Jesús Mogo e Nerea Blanco contan con Nati Méndez, da Panorama; Aroa Miralles e Ángel Mosquera están apoiados por Diego Barbazán, da Olympus, e Kelly Tajes e Iván Pérez teñen a carón deles como madriña a Alejandra Pais, de Los Satélites. E como en cada entrega, a presentadora María Mera, César Romero e o xurado, integrado polo produtor musical Iago Pico e os artistas Carolina Rubirosa, Roi Casal e Antón Reixa, achegarán as súas impresións sobre as actuacións dos concursantes.