div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Mes de novembro cheo de estreas en Xabarin.gal, a onde chegarán 'Sonic Boom', 'Galego para peques', 'Learning Time with Timmy', 'Mononautas' e novos capítulos de 'Shin Chan'

A plataforma amplía así a súa oferta con contidos que conectan coa Xeración Xabarín e fomentan o uso do galego desde as primeiras idades, ao tempo que incorpora producións internacionais de prestixio

csag.gal 05/11/2025 14:00

Santiago, 05.11.2025.-    O mes de novembro chega a Xabarín.gal con novas propostas que combinan entretemento, aprendizaxe e promoción da lingua galega, reforzando o compromiso da CSAG coa infancia e co seu papel como servizo público de comunicación. A plataforma amplía a súa oferta con contidos que conectan coa Xeración Xabarín e fomentan o uso do galego desde as primeiras idades, ao tempo que incorpora producións internacionais de prestixio educativo.

Así, este venres estrearanse os 20 primeiros capítulos de ‘Sonic Boom’, a nova versión animada do icónico personaxe dos videoxogos. Sonic e os seus amigos -Tails, Knuckles, Amy e Sticks- protagonizan aventuras cheas de acción, humor e amizade mentres loitan contra o malvado doutor Eggman. A serie, de gran recoñecemento internacional, consolida a aposta de Xabarín.gal por ofrecer animación de calidade en galego e contidos familiares capaces de conectar co público infantil e tamén cos espectadores nostálxicos da primeira etapa do ‘Xabarín’.

O venres seguinte, 14 de novembro, será a quenda de ‘Galego para peques’, unha colección de 14 cancións audiovisuais pensadas para favorecer o uso do galego na infancia. O proxecto, recoñecido co XVI Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña e finalista nos premios Youtubeiras+ e no Festival Carballo Interplay, busca ofrecer recursos atractivos para escolas e familias. A serie destaca polo seu deseño amable e inclusivo, cun coidado especial na iluminación, o ritmo e o son, e incorpora pictogramas como ferramenta de comunicación aumentativa, garantindo o acceso a nenos e nenas con necesidades educativas especiais. 

Ese mesmo día tamén se incorporarán dez novos capítulos de ‘Shin Chan’, unha das series máis queridas polo público galego. As aventuras de Shinnosuke Nohara seguen a ofrecer humor irreverente e retratos familiares cheos de espontaneidade, mantendo o espírito da Xeración Xabarín e reforzando a conexión interxeracional que caracteriza a plataforma.

Unha semana despois, o 21 de novembro, estrearase a serie ‘Learning Time with Timmy’, producida por BBC Studios en colaboración co British Council. Protagonizada por Timmy, o cordeiro de ‘Shaun the Sheep’, esta serie educativa achega unha introdución ao inglés a través de xogos, repeticións e narracións visuais. Pensada para nenos e nenas de 3 a 6 anos, reforza a aprendizaxe de idiomas desde un espazo seguro, divertido e en galego, en coherencia coas liñas educativas e culturais da CSAG.

Finalmente, o venres 28 de novembro será a estrea de ‘Mononautas’, unha serie canadense sobre dous intrépidos monos astronautas que viven misións espaciais cheas de caos, humor absurdo e acción desbordante. Con ritmo trepidante e estética colorista, é unha proposta perfecta para o público de 6 a 10 anos e recupera un dos títulos máis recoñecibles e divertidos da programación infantil recente.

Con esta nova oferta, Xabarín.gal consolídase como un espazo de referencia para o público infantil e familiar galego, apostando por contidos de calidade que entreteñen, educan e contribúen á difusión da lingua e da cultura galegas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade