Mención Especial do Xurado no Festival de Mar del Plata para 'Leo & Lou', película participada pola TVG - CSAG
Mención Especial do Xurado no Festival de Mar del Plata para 'Leo & Lou', película participada pola TVG
O debut na longametraxe de Carlos Solano, que chegou ás salas de cinema o 7 de novembro, continúa así o seu prometedor percorrido internacional, con presenza tamén no Black Nights Film Festival de Tallin e na Seminci de Valladolid
Humor e emotividade mestúranse neste filme rodado en Galicia, protagonizado por Isak Férriz e a debutante Julia Sulleiro e que conta coa participación dos actores galegos Manuel Manquiña, Marta Larralde e María Pujalte

Santiago, 18.11.2025.- A película ‘Leo & Lou’, participada pola TVG, continúa o seu prometedor percorrido internacional tras conseguir a Mención Especial do Xurado na Sección Oficial do Festival Internacional de Mar del Plata. O debut na longametraxe de Carlos Solano, director de raíces galegas e candidato a un Goya pola curtametraxe ‘Extraños en la carretera’, foi distinguido polo seu “carácter reconfortante e amable, capaz e emocionar pola súa delicadeza e tenrura’. A proxección do filme na categoría máis relevante do certame arxentino obtivo unha magnífica acollida tanto do público como do propio xurado.
Ademais, ‘Leo & Lou’ foi a película de inauguración do Just Film International Competition Programme, dentro da 29ª edición do Black Nights Film Festival de Tallin. A película tamén estivo presente na 70ª edición da Seminci de Valladolid, en Proxeccións Especiais e na sección Miniminci, antes da súa preestrea na Coruña o 29 de outubro e da súa chegada ás salas de cinema o 7 de novembro.
Esta entrañable e divertida feel-good movie para todos os públicos, está protagonizada por Isak Férriz e a debutante Julia Sulleiro. Completan o elenco coñecidas caras do audiovisual galego como Manuel Manquiña, Marta Larralde e María Pujalte, ademais de contar coa colaboración especial de Maggie Civantos.
Rodado en diversas localizacións de Galicia, o filme combina humor e emotividade nunha historia para todos os públicos, en que unha nena muda de 10 anos, alegre e vivaz, foxe do centro de acollida onde vive e crúzase no seu camiño cun home de mediana idade, escéptico e de carácter seco, cuxa vida vai costa abaixo. Xuntos emprenden unha viaxe coa paisaxe galega como pano de fondo.
‘Leo & Lou’ é unha produción de Zeta Cinema, Zeta Audiovisual, Aurora Audiovisual AIE e Frida Filmes, en coprodución coa británica Lunatica Limited e a romanesa Motion Pictura Management. Conta coa participación de RTVE, CSAG e Netflix, e coa financiación do ICAA, o ICO e a Xunta de Galicia. Filmax encárgase da estrea en España e das vendas internacionais.
