div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Marcial Mouzo despídese este sábado dos oíntes do 'Pensando en ti' da Radio Galega

Mouzo xubílase despois de 41 anos nos micrófonos da RG

O programa de radio líder nas madrugadas de Galicia conta cunha comunidade fiel de oíntes e simpatizantes desde 1996

O ‘Pensando en ti’ segue de luns a venres de 1:00 a 6:00 da man de Pepe Capelán 

csag.gal 13/02/2026 16:12

Santiago, 13.02.2026.-     A voz de Marcial Mouzo soará por última vez este sábado á noite desde o estudio do programa ‘Pensando en ti’, na Radio Galega. O veterano e querido comunicador despídese así da audiencia e inicia unha nova etapa tras 41 anos de traxectoria na emisora pública galega.

‘Pensando en ti’ leva en antena desde 1996 e está consolidado como o programa líder das madrugadas en Galicia. Emitido en directo de luns a venres, entre a 1:00 e as 6:00 horas, converteuse durante todo este tempo nun espazo de referencia para milleiros de persoas que atoparon nel compañía, diálogo e escoita activa nas horas máis silenciosas do día.

Ao longo destas décadas, o programa acompañou xeracións de galegas e galegos que traballan ou permanecen espertos durante a noite: desde fogares, rúas, taxis e camións ata panaderías e outros oficios nocturnos. As historias persoais, confidencias e conversacións compartidas fixeron de ‘Pensando en ti’ moito máis que un espazo radiofónico: unha auténtica comunidade de oíntes.

Baixo a dirección e condución de Marcial Mouzo, ese vínculo medrou ata converterse nun fenómeno social que transcendeu as ondas. Durante anos, milleiros de seguidores participaron nos tradicionais encontros de verán organizados arredor do programa, a Romaría do ‘Pensando en ti’, reforzando unha relación próxima e duradeira que marcou unha etapa singular na historia da radio en Galicia.

O ‘Pensando en ti’ tamén foi e é moito máis que un programa de radio de acompañamento e de escoita, é un programa que foi referencia en momentos informativos que fixeron historia con conversas con protagonistas que chamaban desde todas partes do mundo, como foi o caso, por exemplo, dos atentados do 11-S en Nova York.

‘Pensando en ti’ continuará en antena de luns a venres, de 1:00 a 6:00, coa condución de Pepe Capelán. Pola súa parte, Marcial Mouzo seguirá ligado á Televisión de Galicia a través do programa ‘Quen Anda Aí?’, iniciando agora un merecido descanso nas noites tras máis de tres décadas acompañando a audiencia na madrugada. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade