Luis Canut e Patricia Pérez comparten a súa emocionante historia esta noite en 'Por Rober abandónasme no verán' - CSAG
Luis Canut e Patricia Pérez comparten a súa emocionante historia esta noite en 'Por Rober abandónasme no verán'
O espazo achega a entrevista da parella con Roberto Vilar, amais de incluír unha investigación moi peculiar e un divertido sketch sobre os cartos en metálico

Santiago, 1.7.2026.- Arrinca o mes de xullo e o humor e os personaxes do universo do ‘Land Rober’ volven darse cita desde este mércores no ‘prime time’ da TVG con ‘Por Rober abandónasme no verán’ (21:45 h), unha proposta estival que reúne algúns dos momentos máis divertidos do programa presentado por Roberto Vilar.
A noite permitirá gozar da visita do produtor e escritor Luis Canut e de Patricia Pérez, que compartirán con Roberto Vilar unha conversa chea de sinceridade e emoción. A parella falou da súa experiencia tras a perda de visión de Canut e de como afrontaron os cambios que esta situación trouxo ás súas vidas.
Tamén haberá dobre dose de humor esta noite grazas ás escenas de ficción. Nunha delas, Eva Iglesias e Patricia Pérez interpretan dúas gardas civís de tráfico que intentan resolver o misterioso caso do coñecido como ‘asasino da pa’, nunha investigación tan insólita como divertida. Na seguinte, Roberto Vilar, Eva Iglesias e José Baño protagonizarán unha comedia inspirada en situacións cotiás arredor dos pagamentos en metálico e das fórmulas máis imaxinativas para evitar o control da Facenda, dando lugar a unha sucesión de malentendidos e momentos disparatados.