Unha gran gala de presentación para a nova programación da TVG, no primeiro 'Luar' da temporada - CSAG
Unha gran gala de presentación para a nova programación da TVG, no primeiro 'Luar' da temporada
As caras máis coñecidas da Televisión de Galicia e da Radio Galega inauguraron a temporada sobre a alfombra vermella e no escenario do programa
'Luar' renóvase con novo plató, nova imaxe e unha cabeceira histórica reinventada para seguir conectando co público
Aitana del Mar e Xosé Ramón Gayoso son os presentadores da 34ª temporada

Santiago, 12.09.2025.- O ‘Luar’ deste venres na TVG foi un programa moi especial. O programa de entretemento máis lonxevo da televisión en España regresou cunha gran gala de presentación da temporada da Galega. Pola alfombra vermella desfilaron actores, actrices, presentadores e xornalistas da Televisión de Galicia e da Radio Galega, dándolle así a benvida oficial á grella de outono da canle pública.
Na estrea da 34ª temporada de ‘Luar’, presentado Xosé Ramón Gayoso e a xornalista e influencer Aitana del Mar, a canle reuníu as grandes figuras da TVG para avanzar os contidos deste outono. Entre estas, a serie ‘O home perfecto’; os programas 'Bailamos Celebrity', ‘Casamos!’ ou ‘A miña gran cidade’ e o concurso ‘Eu sei + ca ti’; así como os magazines ‘O Termómetro’, ‘Quen Anda Aí?’ e ‘Hora Galega’. Moitos dos seus protagonistas subiron ao escenario para celebrar a nova temporada e a estrea deste 'Luar' renovado. Tamén asistiron as novas caras dos Informativos e Deportes da TVG e as voces que acompañan cada día a audiencia desde a Radio Galega.
‘Luar’ renovouse para esta temporada con novos contidos e novo estudio, en que o verde flúor é o protagonista, nova imaxe gráfica e unha cabeceira histórica reinventada: a versión remix de ‘Pousa, pousa’.
