Gala especial de 'Luar' este venres, en solidariedade con Venezuela - CSAG
Gala especial de 'Luar' este venres, en solidariedade con Venezuela
O espazo fará un chamamento á colaboración da audiencia ante os devastadores terremotos que sacudiron Venezuela a semana pasada
Artistas venezolanos, ligados ás principais orquestras galegas, compartirán música, vivencias e homenaxes á súa terra, xunto a Boris Izaguirre
A primeira semifinal de ‘Recantos’, o humor de Todo Mal e as actuacións de Bombay e Los Españoles completan os contidos da noite

Santiago, 1.7.2026.- ‘Luar’ achega este venres unha edición especial en solidariedade con Venezuela. O musical da TVG desenvolverá unha gala en apoio á poboación afectada polos terremotos rexistrados o pasado 24 de xuño no país suramericano. Unha traxedia que está provocando unha grave crise humanitaria e a mobilización internacional.
Ante a magnitude da catástrofe e co obxectivo de contribuír a esta corrente de axuda, ‘Luar’ fará durante toda a noite un chamamento á solidariedade, cun pobo especialmente próximo a Galicia polos profundos lazos históricos e culturais que unen ambas as dúas terras. Ao longo da emisión, os espectadores poderán colaborar economicamente a través do número de teléfono habilitado para este fin. O teléfono estará dispoñible tamén para que a audiencia poida achegar as súas historias e experiencias sobre Venezuela.
A gala arrincará e pechará cun tema especialmente emotivo, xa que os artistas venezolanos convidados interpretarán conxuntamente ‘Alma llanera’, unha das composicións máis representativas do país, considerada o segundo himno nacional, composta en 1914 polo músico Pedro Elías Gutiérrez e escrita por Rafael Bolívar.
No apartado musical, o programa contará coa participación de diversos artistas venezolanos que desenvolven a súa carreira en Galicia e que compartirán as súas experiencias persoais cos espectadores. Estarán presentes o grupo Los Coleguitas de Venezuela, Ghaly e Katty, da orquestra Marbella; Arturo Moreno e Javier Saavedra, de Los Satélites; e Eric Hidalgo e Eleonora Marval, integrante da orquestra Principal. A eles sumarase Boris Izaguirre, colaborador habitual do espazo e membro do xurado en cada edición, que achegará a súa visión persoal sobre o difícil momento que atravesa o seu país.
Este especial incluirá, amais, a participación da agrupación cultural Soalleira, a orquestra Bombai e de Los Españoles, formación con integrantes venezolanos, que se unirá a esta noite de fraternidade entre Galicia e Venezuela.
E completan os contidos do programa, o humor do dúo Todo Mal e unha das citas máis importantes da tempada no certame ‘Recantos’, xa que vivirá a súa primeira semifinal, con Lamar e Rocío Souto en competición por un posto na gran final.