Fernando Romay protagoniza a campaña da eclipse da Televisión de Galicia - CSAG
Fernando Romay protagoniza a campaña da eclipse da Televisión de Galicia
Os medios públicos galegos tiran de retranca para presentar unha cobertura á altura dun fenómeno astronómico histórico
A CSAG crea por primeira vez unha canle FAST, con emisión ininterrompida sobre a eclipse, durante 72 horas, do luns 10 ao mércores 12, en AGalega.gal
TVG e Radio Galega emitirán especiais informativos e de entretemento desde Ribadeo e o Faro de Mera, en Oleiros, con conexións por toda Galicia

Santiago, 28.07.2026.- Fernando Romay protagoniza a campaña da programación especial da eclipse na Televisión de Galicia. A Corporación prepara unha cobertura de altura arredor do fenómeno astronómico, cunha canle FAST os días 10, 11 e 12 de agosto, cobertura integral do acontecemento e programación de apoio divulgativa en televisión, radio e canles dixitais. A sombra do altísimo xogador de baloncesto galego (2,13 m) é parella á sombra que a eclipse creará en Galicia o 12 de agosto. Fernando Romay convida os galegos e galegas a vivir a eclipse ‘MELLOR Á GALEGA’ na canle pública.
A Corporación creará por primeira vez unha canle FAST, canle temática con emisión ininterrompida 72 horas en AGalega.gal. Esta canle FAST (free ad-supported streaming televisión) ofrecerá unha experiencia multicámara para escoller en tempo real o punto de Galicia desde o que ver a eclipse, con timelapses descargables para compartir nas redes. Ademais, retransmitirá en exclusiva as xornadas internacionais de cosmoloxía New Frontiers in Cosmology (A Coruña, 10 e 11 de agosto). Entrevistas con divulgadores e científicos, videopodcasts e reportaxes completarán a programación desta canle na que destacan a miniserie francesa ‘The Eclipse’ e o documental de FORTA ‘A gran eclipse’.
Fernando Romay ficha pola TVG
O venres 24, no plató de ‘Luar’ desvelouse o misterio: desde a semana anterior, os espectadores agardaban saber quen ensombrecía o sol nunha praia galega. Esa misteriosa silueta, unha ‘eclipse de altura’ real, era Fernando Romay. O propio Romay visitou ‘Luar’, entre risas e chanzas de Xosé Ramón Gayoso, Aitana del Mar e Loli Gómez, coprotagonista do vídeo. O exbaloncestista simboliza así a esencia da campaña: a canle pública é a mellor xanela para ver a eclipse do mesmo xeito que el, un dos galegos máis altos, será quen estea máis preto dos corpos celestes ese día.
Rodaxe en Nerga: moito humor e as Illas Cíes de fondo
O vídeo, protagonizado por Fernando Romay xunto coa xornalista Loli Gómez e os rapaces de ‘Todo Mal’, gravouse na praia de Nerga, en Cangas, coas Illas Cíes de pano de fondo. Na peza, Gómez interpreta unha turista que toma o sol relaxadamente cando, de súpeto, unha sombra xigante a tapa por completo, Fernando Romay. A campaña conta tamén cunha vertente divulgativa a través de ‘Eclipsados’, unha serie de entrevistas realizadas no mesmo escenario a divulgadores científicos, con Romay como condutor.
A despregadura do 12 de agosto
O operativo da Corporación despregarase polas catro provincias o 12 de agosto, cun dispositivo estruturado arredor de dous grandes centros de produción. Un será Ribadeo, un dos principais puntos de observación en Galicia, que acollerá dúas edicións do programa ‘Hora Eclipse’ de mañá e de tarde, e o ‘Eclipse Fest’, un macroconcerto na praia das Catedrais con actuacións de Panorama City e 9Louro, entre outros.
O Faro de Mera, no concello coruñés de Oleiros, será o segundo gran centro de emisión da TVG, desde o que se producirán as dúas edicións do ‘Especial Eclipse’, ao mediodía e no serán, e desde o cal se coordinarán as conexións cos equipos despregados no resto de Galicia.
Os espazos informativos ‘Bos días’, ‘Galicia noticias’, os Telexornais da TVG, así como o magazine ‘Galicia por diante’ da RG e os seus boletíns ofrecerán contidos específicos e o seguimento continuado do fenómeno ao longo de todo o día con conexións en directo desde numerosos puntos, entre eles Santiago, Lalín, a Torre de Hércules, A Guarda, Fisterra, o Banco de Loiba e Vigo, así como experiencias singulares dende algúns dos mellores puntos de observación: dende o territorio Starlight de Trevinca-A Veiga e Cepedelo, a aldea habitada máis alta de Galicia ata a experiencia cultural e astronómica ‘Lux et Umbra 2026’ nos tellados da catedral de Mondoñedo, ou a posta en valor arqueolóxica do Altar do Sol de Alperiz, en Lalín.
A estratexia ‘MELLÓR Á GALEGA’ representa non só un selo institucional senón un territorio de orgullo e identidade: a defensa do que fai única e auténtica a Galicia, apostando por defender "o noso" no deporte, na música, na cultura e na identidade do país. Á campaña xeral do mes de maio seguíu agora a da programación da eclipse de Sol, a primeira visible desde a península en máis de cen anos, que vai permitir aos medios públicos galegos contar un acontecemento histórico "como só nós sabemos facelo, con humor, con retranca e, sobre todo, con algo moi noso”.
