Este xoves especial ‘Galicia en goles’ coa retransmisión do Celta-Olympique de Lión - CSAG
Este xoves especial ‘Galicia en goles’ coa retransmisión do Celta-Olympique de Lión
A partir das oito do serán, partido de ida dos oitavos de final da Europa League na Radio Galega e AGalegaAudio.gal

Santiago, 11.03.2026.- A histórica eliminatoria de oitavos de final da Europa League entre o Celta de Vigo e o Olympique de Lión comeza este xoves en Balaídos coa emisión pola Radio Galega e AGalegaAudio.gal dunha edición especial de ‘Galicia en goles’. A partir das oito do serán, Roberto Carlos Carballo dirixe un equipo integrado por Víctor López, na narración, xunto a Gonzalo Alonso, co micrófono sen fíos polos exteriores, e cos especialistas Ramón Carnero, Xosé Ramón Valtierra e Uxío Caamaño, ‘Mr Asubío’. O programa estará en antena ata as doce da noite, para escoitar os adestradores dos dous equipos desde a sala de prensa e os futbolistas máis destacados na zona mixta.
O Celta chega a esta eliminatoria tras eliminar na fase intermedia ao Paok de Salónica, ao que derrotou nos dous encontros. Mentres, o Olympique de Lión non necesitou desta rolda ao ser o mellor da primeira fase, con sete vitorias e unha derrota. Así e todo, o cadro francés está vivindo un dos peores momentos da temporada, tras quedar eliminado na Copa e empatar o domingo pasado ante o París na competición de liga.
Balaídos vai rexistrar un cheo absoluto para a primeira cita, unha entrada semellante á do pasado venres ante o Real Madrid. Claudio Giráldez recuperou estes días aos seus xogadores do golpe anímico que significou a derrota no último minuto, un resultado menos doloroso despois de que o Betis, o rival a bater pola quinta praza, non puntuase en Getafe. Precisamente, o equipo verde e branco será o seguinte adversario na competición doméstica, o domingo ás seis e media da tarde no estadio de La Cartuja.
O Celta-Olympique de Lión abre o xoves a semana de retransmisións deportivas da Radio Galega. O venres, desde as oito e media do serán, o protagonismo será para o Celta Fortuna-Tenerife, da Primeira RFEF. Xa o sábado, o Ceuta-Deportivo centrará o calendario xunto ao derbi Ourense C. F.-Rácing de Ferrol e o Bilbao-Breogán de baloncesto. O domingo, a edición matinal estará dedicada ao Deportivo-Barcelona da Primeira F e pola tarde o Betis-Celta marcará o ritmo do ‘Galicia en goles’.