div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

Este domingo pola tarde, derbi no Anxo Carro entre o Lugo e Ourense, pola G2

Pola mañá, Copa da Raíña en Riazor, entre o Deportivo e a Real Sociedade

csag.gal 19/12/2025 10:51

Santiago, 19.12. 2025.- As retransmisións deportivas da Televisión de Galicia e AGalega.gal esta fin de semana comezan o sábado pola tarde. A partir das cinco, desde o campo das Eiroas, a plataforma AGalega.gal ofrece en directo o partido da Segunda RFEF entre o Bergantiños e o Sámano. O cadro galego está clasificado en postos de promoción de ascenso e semella que a xornada é propicia para continuar na zona alta xa que o rival é o pechacancelas do campionato.

O domingo, ás doce, o estadio municipal de Riazor acolle o encontro de oitavos de final da Copa da Raíña entre o Deportivo da Coruña e a Real Sociedade. Hai unha semana, na Primeira División feminina, as herculinas perderon por 3-0 ante o cadro donostiarra. Os espectadores poderán seguir esta cita a través da G2 e de AGalega.gal, que tamén abrirá unha ventá ao fútbol da Segunda RFEF co enfrontamento no campo Arsenio Iglesias de Abegondo entre o Fabril Deportivo e o Ávila. O filial branco e azul é segundo, tras gañar en Soria, aínda que está pendente da reclamación do Numancia por aliñación indebida. O conxunto abulense aparece sexto, pero é tal a igualdade na táboa que están separados por tan só dous puntos.

Xa pola tarde, ás catro e cuarto, a G2 emitirá o derbi da Primeira RFEF desde o Anxo Carro, entre o Lugo e o Ourense C. F. Os dous equipos están na zona intermedia da clasificación e unha vitoria podería achegalos aos postos de privilexio antes da parada polas vacacións de Nadal. Logo de xogar o xoves 120 minutos ante o Athlétic de Bilbao e perder por 0-1 a eliminatoria da Copa, o Ourense debe rotar xogadores para non acusar o esforzo físico. Máis descansado chega o equipo local, que xogou o último encontro o pasado sábado.

Ás cinco comezará a última retransmisión da fin de semana, co derbi da Segunda RFEF entre o Unión Deportiva Ourense e a Sarriana desde a Ribela. Este encontro chegará a través de AGalega.gal con dous conxuntos que están xa situados nunha zona tranquila da clasificación e preto das prazas que dan dereito a disputar a fase de ascenso.

En xogo’

O domingo ás doce da noite, pola primeira canle da TVG, Gustavo Varela abre a mesa de debate do ‘En xogo’ para analizar os resultados dos nosos equipos nas principais categorías. Roberto Lago, Dani Mallo e Xabier Rodríguez Campos comentan os resumos do Oviedo-Celta e Andorra-Deportivo antes de ver os goles de toda a xornada no fútbol profesional e nas ligas da Federación. O programa marchará de vacacións polo Nadal e volverá emitirse o domingo 4 de xaneiro, co punto de mira nos encontros Celta-Valencia e Deportivo-Cádiz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade