Emocionante 'medley' dos padriños en 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios', en que Kiko Bea homenaxeará a Rocío Jurado - CSAG
Emocionante 'medley' dos padriños en 'A Liga dos Cantantes Extraordinarios', en que Kiko Bea homenaxeará a Rocío Jurado
A competición chega ao seu ecuador e os concursantes seguirán intentando dalo todo no escenario para convencer o xurado

Santiago, 20.12.2025.- A sétima edición de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’ chega este sábado ao seu ecuador. María, que segue desesperada por non conseguir acadar unha final, abrirá o programa con ‘Me encantas’, mentres que David e Diego cantarán a dúo ‘México lindo y querido’.
Pola súa parte, Lucía terá neste sexto programa o reto de cantar en galego ‘Licor do negro café’, mentres que a Yey tocoulle ‘Lamento boliviano’, o que acrecentará o seu descontento coas cancións que lle tocan, xa que considera que non se pode lucir.
Carlos terá que cantar cos ollos pechados e co coro de padriños, algo que o favorecerá na súa actuación, en que interpretará unha versión de ‘Killing me softly’ de Pitingo. Mentres, Virginia atreverase con ‘The fate of Ophelia’, unha das cancións máis complicadas desta edición de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’.
Pechará as actuacións Sabe, a concursante máis nova, que non pasa polo seu mellor momento, xa que a presión das redes sociais e a vaga de haters desta semana deixarán pegada nela.
Un dos momentazos do programa será cando a madriña Alejandra Pais avise de que ten unha mensaxe de Javier Saavedra, que quere roubar a Yey e levalo á súa escudería.
O medley dos padriños será un dos máis emocionantes do que levamos de liga, xa que Kiko Bea homenaxeará a Rocío Jurado cantando ‘Como unha ola’, unha interpretación que deixará mudo o estudio. Ademais, volverán aparecer as ‘partichelas’ e, desta volta, farán que Diego teña que cantar no vindeiro programa co seu padriño.