Dobre entrega do universo 'Land Rober + Show', esta noite na TVG - CSAG
Dobre entrega do universo 'Land Rober + Show', esta noite na TVG
A oferta comeza co mellor humor dos colaboradores en ‘Por Rober abandónasme’ e continúa cunha nova proposta do programa, que recupera a sección
‘A túa cara fáiseme coñecida', coa presenza dun participante moi especial

Santiago, 11.06.2026.- A TVG propón este xoves unha noite moi especial co humor como gran protagonista grazas a unha programación dobre do ‘Land Rober + Show’ (21:40 h). O espazo presentado por Roberto Vilar ofrecerá dúas entregas consecutivas para que a audiencia poida gozar dun completo menú de comedia e personaxes xa míticos do programa.
Na primeira emisión da noite, que leva por título ‘Por Rober abandónasme’, o formato recuperará unha escolma de momentos cheos do humor máis característico do programa. A audiencia escachará coa risa coas solucións que lles buscan á actualidade personaxes interpretadas, entre outros colaboradores, por Eva Iglesias ou Roi Méndez, ata polo propio Roberto Vilar.
Deseguido, o ‘Land Rober + Show’ rematará a semana recuperando a súa sección ‘A túa cara fáiseme coñecida’. Ademais dos xa habituais cantantes Eva Iglesias, Néstor Pardo e Rocío Varela, o espazo contará cun participante especial.
Na ficción, Roberto Vilar e Eva Iglesias interpretarán un sketch que terá como protagonista a Dosinda nunha aventura nun hospital.