Desde este martes, no prime time, a Televisión de Galicia buscará 'O home perfecto' - CSAG
Desde este martes, no prime time, a Televisión de Galicia buscará 'O home perfecto'
A serie, baseada en casos reais de ‘estafadores do amor’, conta a historia de dúas mulleres enganadas polo mesmo home
O elenco está encabezado por Adrián Castiñeiras, Alba Loureiro e Elena Seijo

Santiago, 16.10.2025.- Televisión de Galicia estrea o vindeiro martes 21 en horario de prime time (21:45 horas) a súa nova serie de ficción, ‘O home perfecto’, unha historia emocionante de segundas oportunidades e enganos sentimentais.
‘O home perfecto’ está inspirada en casos reais dos denominados ‘estafadores do amor’, que aproveitan a vulnerabilidade emocional das vítimas para manipulalas e pedirlles cartos baixo falsas escusas. A serie foi presentada recentemente no Ourense Film Festival (OUFF) e componse de 13 capítulos, cada un deles impregnado de tensión, misterio e intriga.
No elenco, intérpretes moi recoñecidos do panorama galego, como Adrián Castiñeiras, Desiré Pillado, Xabier Fonseca, Tito Asorey, Carlos Villarino, Andrea Varela, Marta Doviro, Patricia Torres, Trisha Fernández e María Costas, entre outros. ‘O home perfecto’ está dirixida por Giselle Llanio e Lucía Estévez, e producida por Voz Audiovisual para a TVG.
A trama de ‘O home perfecto’, que transcorre en coñecidas localizacións da cidade da Coruña e Sada, segue as vidas de Rebeca (interpretada por Alba Loureiro), de 35 anos, e Luísa (Elena Seijo), de 70, dúas mulleres de xeracións diferentes que, sen sabelo, buscan unha segunda oportunidade tras vidas marcadas pola dor e caen baixo o engano do mesmo home. El preséntase como Gus para unha e Leo para a outra: encantador, sensible e aparentemente o home perfecto. Pero todo é mentira. Tras gañar a súa confianza e os seus afectos, o home desaparece cos seus aforros e ilusións, deixando tras de si un rastro de vítimas e decepcións.