Cinco galegos guiarán este martes o programa 'Latitude Galega' por Casablanca, unha das cidades máis dinámicas do norte de África - CSAG
Cinco galegos guiarán este martes o programa 'Latitude Galega' por Casablanca, unha das cidades máis dinámicas do norte de África
Os espectadores da TVG coñecerán os seus numerosos atractivos, entre os que se atopan a Mesquita Hassan II, a ‘corniche’ e os mercados tradicionais

Santiago, 16.12.2025.- A TVG ofrecerá este martes unha nova entrega de ‘Latitude Galega’, o programa de viaxes, presentado por Alba Mancebo e Perico Balado, que percorre diferentes lugares do mundo a través das experiencias dos galegos que viven no exterior.
‘Latitude Galega’ visitará hoxe Casablanca. Esta cidade marroquí, aberta ao Atlántico, ten unha poboación que duplica a de toda Galicia e destaca como unha das urbes máis dinámicas do norte de África. Entre os seus numerosos atractivos atópanse a Mesquita Hassan II, a ‘corniche’ e os mercados tradicionais.
O reporteiro Perico Balado descubrirá Casablanca acompañado de cinco galegos: Xabier, escritor do Saviñao; Lara, mestra de Vigo; Olaya, mestra de Lugo; Héctor, músico tamén de Vigo; e Jorge, consultor de Santiago de Compostela.