Celta e Deportivo estrean a pretemporada coas retransmisións na TVG, G2 e AGalega.gal - CSAG
Celta e Deportivo estrean a pretemporada coas retransmisións na TVG, G2 e AGalega.gal
O sábado 18 e o domingo 19 de xullo, as canles da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia ofrecen tamén a Liga ACT desde augas galegas e o Mundial MXGP de motocrós

Santiago, 17.7.2026.- O sábado 18 de xullo será unha xornada grande para as afeccións do Celta e do Deportivo coa retransmisión en directo dos dous primeiros partidos da pretemporada. A G2 e AGalega.gal conectarán minutos antes das oito da tarde co estadio Vero Boquete de Santiago, onde o equipo coruñés visita o Compostela. Os dous acaban de triunfar nas súas categorías, cos ascensos á Primeira División profesional e á Segunda RFEF.
A partir das oito e media, a primeira canle da TVG e AGalega.gal contarán desde Portugal o Sporting Braga-Celta de Vigo, dous equipos que a pasada temporada chegaron aos cuartos de final da Europa League. O cadro luso foi eliminado polo Betis español, mentres os de Claudio Giráldez eran derrotados polo Friburgo de Alemaña.
Durante todo o verán, a TVG e a G2 ofrecerán en directo toda a pretemporada dos dous equipos galegos que van competir na elite do fútbol español a partir do 15 de agosto. O sábado 25 de xullo, día de Santiago, a TVG estará no Carlos Tartiére coa emisión do Oviedo-Deportivo, mentres a G2 emitirá desde A Lomba de Vilagarcía o Arousa-Celta.
Traiñeiras: bandeiras no Grove, Chapela e Bueu
O remo terá tamén un papel destacado, con catro citas repartidas entre sábado e domingo correspondentes á Liga Galega de Traiñeiras e á ACT, nas súas dúas categorías. O sábado, a partir da catro, a Liga Galega estará presente desde O Grove na G2 e AGalega.gal. A partir das cinco e cuarto, a emisión continuará desde Chapela para ofrecer á audiencia a espectacularidade da bandeira da ACT. O domingo, ás once e cuarto, a G2 e AGalega.gal tamén estarán en Bueu coa segunda cita da elite das traiñeiras nacionais en augas galegas.
Os equipos de Ares e Chapela compiten na casa co obxectivo de sumar para escapar das últimas posicións. Tras as probas da pasada fin de semana en Castro Urdiales e Orio, Chapela é penúltima con 13 puntos e Ares pecha a clasificación xeral con 10.
MXGP: dúas mangas dende Gran Bretaña
O domingo rematará a fin de semana deportiva coa disputa do Gran Premio de Gran Bretaña de MXGP, con dobre cita para o piloto vigués Rubén Fernández. Os espectadores terán ocasión de seguir as dúas mangas, ás tres e ás seis da tarde, a través da G2 e de AGalega.gal.
Rubén Fernández ocupa a sétima praza na clasificación xeral, con 332 puntos, a 31 do sexto clasificado, o italiano Andrea Adamo. Este campionato ten un líder sólido, o belga Lucas Coenen, con 566 puntos, 168 máis que o seu principal perseguidor Jeffrey Herlings.
Na última proba desenvolvida en Suráfrica hai dúas semanas foi sexto, mantendo unha liña regular durante a temporada, xa que chegou a rematar na quinta praza nas citas de Italia e Portugal.