Boris Izaguirre visita o Deza nesta entrega de 'A miña gran cidade. Corazón galego', con Vanessa Bouza de anfitrioa - CSAG
Boris Izaguirre visita o Deza nesta entrega de 'A miña gran cidade. Corazón galego', con Vanessa Bouza de anfitrioa
As seis experiencias levarán os protagonistas esta noite ata unha granxa en Botos, a unha queixería en Negreiros, a buscar os ingredientes dun cocido e cociñalo, a conducir un tractor e a tocar na banda de Merza

Santiago, 24.11.2025.- A TVG viaxa esta noite á comarca do Deza nunha nova entrega de ‘A miña gran cidade: corazón galego’, con Vanessa Bouza de anfitrioa e Boris Izaguirre como convidado de luxo. Entre vacas, queixos e cocido de Lalín, a ferrolá intentará galeguizar o divo venezolano para que gañe, por fin, o seu carné de Corazón Galego.
A misión de Vanessa, coñecida pola audiencia pola súa participación en ‘A túa familia pola miña’ e ‘Casamos!’ e tamén por ser ex concursante de ‘Gran Hermano’, semella, a priori, ben doada: Boris está casado cun galego, viviu en Santiago un tempo e é xa colaborador habitual do ‘Luar’. A aventura consiste en seis experiencias inmersivas polo Deza con cadanseus exames e notas da veciñanza. Na previa, as diferenzas entre anfitrioa e convidado quedan claras. Con todo, a decisión final depende só da anfitrioa, Vanessa Bouza.
A primeira parada da parella é en Botos, en Lalín, no corazón gandeiro da comarca do Deza. A gandaría vacúa é un dos piares da zona, pero Boris chega coma se fose a tomar o té en Highbury máis que a pisar unha granxa. Entran con elegancia na explotación. Vanessa desaparece un momento para regresar con outro ‘look’ que tampouco acaba de encaixar no ambiente pecuario. Malia a minisaia, atina cunhas botas de goma. Para Vanessa tamén é a súa primeira vez na granxa. O mestre desta primeira inmersión é Óscar Neira, gandeiro de terceira xeración
No camiño en furgoneta á seguinte experiencia, aparece o Boris máis íntimo. Fala da súa relación coa súa parella Rubén e da química entre a súa ‘tropicalidade’ e a ‘galeguidade’ do marido. Da granxa de Botos pasan a Negreiros, en Silleda, para descubrir como o leite do Deza se converte nun dos seus tesouros máis celebrados: o queixo. En Cortes de Muar agárdaos Germán García, queixeiro de vocación e de familia.
O cocido galego non sería o que é sen ingredientes de primeira, e por iso na terceira experiencia desta aventura, o venezolano ten que sacar as súas dotes de veciño e ir porta a porta pola parroquia para conseguir todo o necesario. Pataca, chourizo, verdura, orella, lacón… e sobre todo, paciencia.
Ao final desta primeira aventura polo Deza, Boris e Vanessa rematan coa sensación de ter vivido un día tan intenso como divertido, pero o mellor é que isto non remata aquí: aínda lles queda por diante descubrir se Boris se atreve a conducir un tractor por Lalín, se será quen de cociñar un cocido e unhas filloas como manda a tradición ou se a banda de Merza conseguirá poñelo a tocar algunha peza coma un auténtico galego de corazón.
