As caras máis coñecidas da TVG compiten esta noite sobre o escenario da 'Sala G' contra 'Todos' - CSAG
As caras máis coñecidas da TVG compiten esta noite sobre o escenario da 'Sala G' contra 'Todos'
Gayoso, Eva Iglesias, David Espiño, Noelia Rodríguez, Trisha Fernández e Xurxo Fernández abandonan os seus papeis habituais para disputar actuacións musicais, retos de interpretación e coreografías fronte ao equipo de artistas

Santiago, 7.8.2026.- No ‘Sala G’ (21:40 h) deste venres, que leva por lema ‘Televisión de Galicia contra Todos’, as caras máis coñecidas da canle pública aceptarán o reto de cantar, bailar e poñerse a proba nun espectáculo cheo de humor, música e emocións. Cada día entran nas casas dos galegos para informar, entreter ou facer rir, pero esta noite cambian completamente de papel. Non presentan, non entrevistan, nin conducen un programa, hoxe veñen xogar.
En 'Televisión de Galicia contra Todos' as regras cambian. As caras máis coñecidas da canle deixan atrás a súa zona de confort para poñerse a proba nun espectáculo onde só contan as ganas de sorprender.
O equipo da TVG reúne algunhas das personalidades máis recoñecibles da canle: o incombustible Gayoso, a irreverente Eva Iglesias, o magnético David Espiño, a natural Noelia Rodríguez, a enérxica Trisha Fernández e o versátil Xurxo Fernández. Seis comunicadores, cun enorme carisma, que esta vez cambian o seu papel habitual para demostrar que tamén saben defenderse sobre un escenario.
En fronte estará o equipo de ‘Todos’, formado por convidados de excepción encabezados por Blas, un dos grandes da verbena galega e alma da París de Noia, acompañado doutros artistas dispostos a plantar cara ás estrelas da casa.
Os dous equipos enfrontaranse en actuacións musicais, retos de interpretación e coreografías en que haberá humor, complicidade, competitividade e moita capacidade de improvisación. Un auténtico espectáculo familiar en que o público será o encargado de decidir quen merece a vitoria.
Pero a noite tamén gardará espazo para a emoción. Cando o ritmo parece non dar tregua, todo se detén. As luces baixan, o escenario queda en silencio e Gayoso colle unha guitarra. Sen artificios. Sen espectáculo. Só unha voz, unha canción e un dos momentos máis sinceros e emocionantes que se viviron nesta noite. Unha actuación que sorprenderá incluso os seus propios compañeiros e que amosará unha faceta descoñecida dun dos grandes referentes da televisión galega.
Porque 'Televisión de Galicia contra Todos' é moito máis ca un concurso musical. É unha oportunidade para descubrir, como nunca antes, o lado máis divertido, máis competitivo... e tamén máis humano das persoas que cada día entran nas casas dos galegos.
