As #AcciónsG dos medios públicos galegos súmanse á campaña 'Acéndete polos dereitos da infancia' de UNICEF - CSAG
As #AcciónsG dos medios públicos galegos súmanse á campaña 'Acéndete polos dereitos da infancia' de UNICEF
Entre o 17 ao 23 de novembro, xornalistas e presentadores da TVG e da Radio Galega divulgarán cuestións clave sobre os dereitos da infancia e a adolescencia
No ‘Bos Días’ do luns 17 entrevistarase a María Montalvo, presidenta de UNICEF Galicia, e o venres a Lara Contreras, directora de Influencia, Programas e Alianzas de UNICEF España

Santiago, 14.11.2025.- A CSAG súmase, entre o 17 e o 23 de novembro, á campaña ‘Acéndete polos dereitos da Infancia’ de UNICEF no marco das #AcciónsG de Responsabilidade Social Corporativa dos medios públicos galegos.
A XV Semana coa Infancia de UNICEF persegue que a sociedade sexa consciente e se acenda polos dereitos da infancia e a da adolescencia e que eses dereitos se sitúen no centro da conversa social, das prioridades e das políticas.
Xornalistas e presentadores da TVG e da Radio Galega divulgarán cuestións clave como a importancia de coidar a saúde mental, a vacinación, a loita contra a pobreza ou a desnutrición e o impacto da tecnoloxía no benestar emocional dos nenas, nenas e adolescentes. Os xornalistas María Solar, David Valverde, Antía Araújo, Pablo Muñoz ou Ana Celia Vázquez serán, entre outros, as voces e os rostros da campaña na canle pública.
Os programas informativos colaborarán emitindo contidos e entrevistas. Así, no ‘Bos Días’ do luns 17 entrevistarase a María Montalvo, presidenta de UNICEF Galicia; e o venres 21 a convidada será Lara Contreras, directora de Influencia, Programas e Alianzas de UNICEF España, quen abordará que prestacións e políticas axudarían a reducir a situación da pobreza no país. O sábado 22 entrevistarase a Antonio Rial, profesor titular de Psicoloxía da USC, quen explicará a maior investigación a nivel mundial sobre o impacto da tecnoloxía no benestar emocional da infancia e a adolescencia en España.
Tamén ‘O Termómetro’ na TVG e ‘Galicia por Diante’, ‘A Tarde’, ‘A Crónica’, ‘Galicia en Goles’ e ‘Pensando en ti’ na RG abordarán a situación de nenos e nenas en zonas de emerxencias ou guerra, como Gaza ou O Sudán, o impacto das redes sociais e da tecnoloxía no benestar emocional da adolescencia, o dereito á participación infantil ou as implicacións da desnutrición aguda grave que afecta millóns de nenos en todo o mundo.
O mércores, o magazine matinal ‘O Termómetro’ contará con Lucía Regueiro, Amiga de UNICEF Comité Galicia, e con Martín, de Nigrán, membro do Grupo Asesor de UNICEF España para trasladar as propostas de adolescentes galegos para mellorar os seus dereitos na contorna dixital. No espazo da tarde ‘Quen Anda Aí?’ participará a xornalista e escritora María Solar, Amiga de UNICEF Comité Galicia, coa implicación de Beatriz Manjón e Juan Fuentes.
‘Luar’, un ano máis en apoio a UNICEF
‘Hora Galega’, o programa de actualidade das tardes, amosará a situación actual que se vive en Sudán, cunha colaboración moi especial de David Espiño e Rocío Durán. Ademais, descubrirase como monumentos e edificios de toda Galicia se acenden para conmemorar o Día Mundial da Infancia, o 20 de novembro. E o venres 21, no prime time da TVG, ‘Luar’ emitirá unha edición especial para que todos os galegos e galegas nos acendamos polos dereitos da infancia.
A Radio Galega súmase á campaña
Na Radio Galega, os espazos ‘Galicia por Diante’, ‘A Tarde’, ‘Galicia en Goles’ e ‘Pensando en ti’ súmanse ao labor divulgativo durante esta semana. En ‘A Crónica’, será o venres 21 cunha conversa con Lucía Losoviz, responsable de políticas de infancia de UNICEF España. E no eido do deporte, o ‘Galicia en Goles’ porá o foco na importancia das alianzas corporativas, tamén as deportivas, para a cooperación ao desenvolvemento.
A campaña compleméntase con anuncios e cuñas que difundirán o traballo de UNICEF e a isto cómpre engadir o labor das canles dixitais da CSAG, a través do cancelo #SemanacoaInfancia.
