Almudena Cid e Poty Castillo, entre os convidados estelares desta noite en 'Por Rober abandónasme no verán' - CSAG
Almudena Cid e Poty Castillo, entre os convidados estelares desta noite en 'Por Rober abandónasme no verán'
Humor, música e entrevistas na entrega deste xoves, que tamén contará coas actuacións de Roi Méndez, Tinho e Coyote Dax

Santiago, 20.8.2026.- A TVG ofrece este xoves unha nova entrega de ‘Por Rober abandónasme no verán’ (21:55 h), unha cita que combina entrevistas, música en directo e os sketchs máis divertidos protagonizadas por Roberto Vilar, Eva Iglesias e o resto de colaboradores do programa.
A noite arrinca cun monólogo inspirado nunha historia do público e continuará con situacións de humor de actualidade, como o sketch ‘Bar Nabeu’, que leva ao terreo da comedia a polémica polas sancións impostas a locais que emitían partidos de fútbol de xeito pirata. Ao longo do programa tamén haberá espazo para outras historias disparatadas, como unha viaxe a Mauricio, unha voda chea de imprevistos ou as complicacións de seguir vivindo baixo o mesmo teito tras o divorcio, secuencia en que intervén a coñecida presentadora galega Raquel Atanes.
No apartado de entrevistas, Roberto Vilar conversará coa ex-ximnasta olímpica Almudena Cid, referente do deporte español, e co bailarín e coreógrafo Poty Castillo, responsable de coreografías para artistas internacionais como Will Smith, Mariah Carey ou Enrique Iglesias. Tamén pasarán polo estudio Hugo Pérez e Lara Tronti, populares nas redes sociais tras o seu paso pola televisión, e a árbitra compostelá Andrea Fírvida, integrante da Primeira División Feminina de fútbol e sarxento do Exército.
A música terá igualmente un papel destacado coa presenza de Roi Méndez xunto á banda do programa, a actuación do coruñés Martín Yáñez, coñecido como Tinho, e a visita de Coyote Dax, que interpretará o seu popular tema ‘El Baile del Coyote’, acompañado de Yola Berrocal.