div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

AGalega.gal retransmite este mércores, en directo, a gala dos XIII Premios Martín Codax da Música

‘Aurora’, un documental sobre os vínculos entre dúas mulleres de xeracións distintas, encabeza o xoves as estreas de non ficción da semana 

Chegan á plataforma tamén dúas estreas cinematográficas cara á fin de semana: ‘O cliente’ e ‘Esperanza’
 

csag.gal 25/05/2026 15:00

Santiago, 25.05.2026.-   AGalega.gal continúa esta semana reforzando a súa oferta audiovisual, coa incorporación das principais novidades da grella da TVG e dunha selección de contidos destacados para todos os públicos. Entre eles sobresae a retransmisión en directo dos Premios Martín Codax da Música, unha das grandes celebracións anuais da cultura galega contemporánea, xunto coa estrea do documental galego ‘Aurora’, así como a incorporación de dous filmes internacionais.

A plataforma ofrecerá o mércores 27, a partir das 20:30 horas, a décimo terceira gala dos Premios Martín Codax da Música, organizada por Músicas ao Vivo para recoñecer e visibilizar o talento musical galego en estilos e formatos moi diversos. Desde o Pazo da Cultura de Pontevedra, a cerimonia terá como temática ás supersticións e estará dirixida pola actriz Tero Rodríguez. Estes galardóns, que distinguen cada ano artistas, proxectos e iniciativas que contribúen á creación e difusión da música galega, rexistraron nesta convocatoria preto de 450 inscricións nas 15 categorías oficiais. O Premio de Honra outorgarase nesta edición á banda Los Suaves. A retransmisión poderá seguirse en directo en AGalega.gal e quedará posteriormente dispoñible na plataforma.

Entre as novidades da semana destaca tamén a estrea, o xoves 28, da longametraxe documental ‘Aurora’, unha produción galega centrada na relación entre Aurora e Area, dúas mulleres de xeracións e realidades moi diferentes, pero unidas por unha conexión profunda arredor de temas como a memoria, da familia, da guerra, da morte e do papel da muller.

No apartado cinematográfico, AGalega.gal incorporará o venres 29 o thriller ‘O cliente’, a historia dun neno que se converte en testemuña involuntaria dun suicidio relacionado coa mafia e que acaba atrapado entre as presións dun fiscal federal e as ameazas derivadas dos segredos que coñece. Para intentar salvar a súa vida, recorrerá á axuda dunha avogada. O filme estará dispoñible durante sete días.

A programación completarase o sábado 30 coa chegada de ‘Esperanza’, un melodrama ambientado no Nadal que retrata a crise emocional dunha parella de artistas tras recibir ela un diagnóstico terminal. A historia aborda o amor, a convivencia e a fraxilidade da vida nun momento límite. Este título permanecerá dispoñible durante 30 días.

Ademais destes contidos destacados, AGalega.gal seguirá incorporando ao longo da semana todas as estreas e programas máis relevantes da programación da TVG, entre eles, a tradicional Romaría da Franqueira, que estará dispoñible desde mañá martes 26.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade