div-crtvg-top1

Publicidade

Menu Display

Logo de CSAG

Camiño de navegación

A TVG ofrece esta noite un programa especial de 'Luar' dedicado ás Letras Galegas, coas actuacións de Uxía, Malvela e Cantigas e Agarimos

Tamén pasarán polo escenario Festicultores, Virgina Cruz, Samuel Soto, Os da Taberna e Kike Varela e Álvaro Puga

csag.gal 15/05/2026 02:00

Santiago, 15.05.2026.-    ‘Luar’ (21:40 h) ofrece esta noite un programa dedicado ás Letras Galegas, que se celebran este domingo, en que serán protagonistas a música e a tradición galegas. Así, o espazo da TVG recibirá a visita da cantante Uxía Senlle, a gran renovadora da canción tradicional, que leva máis de 40 anos sobre os escenarios. Referente en conectar as culturas atlánticas e potenciar as voces femininas, segue apostando pola experimentación e polo labor transformador da arte.

Tamén estarán no escenario o recoñecido coro Cantigas e Agarimos, cuxos temas forman parte da cultura popular galega, e as Malvela. Este grupo, nado hai máis de 20 anos coa unión de varias mulleres da parroquia mosense de Sanguiñeda, guiadas pola propia Uxía, sorprendeu o panorama galego, demostrando que a música non sabe de idade nin de fronteiras.

A festa chegará da man da formación galega Festicultores, que combina música festiva e humor cun amplo percorrido nas verbenas e festivais do país e que leva dúas décadas de festa en festa levantando o público coas súas cancións. Esta banda, orixinaria de Santiago, conseguiu converterse nun fenómeno que transcende as fronteiras galegas para levar a súa particular filosofía festiva por toda a Península Ibérica.

Ademais, o espazo presentado por Xosé Ramón Gayoso e Aitana del Mar contará coas actuacións de Virginia Cruz, gañadora da última edición de ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’; de Kike Varela e Álvaro Puga; de Samuel Soto, que lle dedicará unha canción a Begoña Caamaño, a homenaxeada deste ano nas Letras Galegas; da formación Os da Taberna e dunhas pandeireteiras alumnas do CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo.

O humor será este venres cousa de María Foscaldo, co seu personaxe de Sabela Grilo, e de Carla e Marcos, de Todo Mal. En ‘Recantos’ enfrontaranse Lamar, representante de Noia-O Barbanza, e Lu Pérez, pola comarca da Arousa. Só un dos dous conseguirá clasificarse para a seguinte fase. O programa rematará coa súa actuación conxunta cantando ‘Falade galego’, o gran tema musicado por Juan Pardo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
CRTVG VIVA

div-crtvg-top2

Publicidade