A TVG estrea 'Noite Xigante', o novo show do sábado noite - CRTVG
A TVG estrea 'Noite Xigante', o novo show do sábado noite
O programa sorprenderá o público con grandes actuacións musicais, probas espectaculares e un impresionante escaparate de premios
Convidados famosos acompañarán cada semana a María Mera e o cantante César Romero, presentadores deste concurshow, que recibirá na súa primeira entrega a Carlos Baute, Diana Nogueira a Manuel San Martín
Santiago, 18.01.2024.- Un novo programa semanal para toda a familia chega á Televisión de Galicia. ‘Noite Xigante’ é a nova aposta para as noites dos sábados, un concurshow de ritmo frenético cheo de música e baile, que sorprenderá o público con grandes actuacións musicais, probas, premios e convidados famosos con ganas de pasalo ben.
A nova festa dos sábados na TVG comezará ás 22:00 h e terá como mestra de cerimonias a todo terreo María Mera (presentadora de ‘Carballeira’ e ‘A Liga dos Cantantes Extraordinarios’), que estará acompañada nesta aventura polo cantante César Romero, membro da orquestra Cinema, como polifacético colaborador. Neste primeiro programa, estarán acompañados polo carismático cantante Carlos Baute, ademais de recibir a visita de Diana Nogueira e Manuel San Martín, todo amenizado coa animación da Fanfarria Farruca.
O caldeirón porá a proba a valentía dos concursantes
‘Noite Xigante’ é un concurshow, cheo de sorpresas e espontaneidade, onde cinco concursantes, cargados de boa enerxía, porán a proba a súa intuición, nervios e pericia en distintas probas. A valentía dos concursantes tamén se medirá co caldeirón, un aparello xigante que lanza un líquido viscoso que promete converterse no momento estrela do programa.
Como non podía ser doutro xeito, o show contará con probas moi orixinais para que os seus concursantes demostren o que valen: unha cámara oculta con sorpresa, unha rolda rápida de preguntas, diversas probas de pericia visual ou física e ata retos musicais.
O concursante que sexa capaz de superar as distintas probas chegará á final, onde poderá gañar o premio dos premios: un grande escaparate valorado en milleiros de euros, con agasallos como unha viaxe ao Caribe, unha bicicleta, varios aparellos tecnolóxicos, un reloxo e outros produtos que mesmo poderán ser tamén para o público do programa.