A TVG estrea a 7ª edición de 'A liga dos cantantes extraordinarios', coa volta de Ángel Mosquera e o novo 'Duómetro' - CSAG
A TVG estrea a 7ª edición de 'A liga dos cantantes extraordinarios', coa volta de Ángel Mosquera e o novo 'Duómetro'
María Mera lidera este espectáculo de destacadas voces galegas (22:05 h), cun xurado de luxo e con novas probas musicais

Santiago, 15.11.2025.- Televisión de Galicia abre este sábado o ‘prime time’ á emoción e ao talento coa estrea da sétima temporada de ‘A liga dos cantantes extraordinarios’, o espectáculo musical presentado por María Mera que reúne voces prometedoras do país. A nova etapa chega con moitas novidades, o regreso das escudarías das orquestras e unha visita moi especial: Ángel Mosquera, o gañador da pasada edición, que presentará o seu novo sinxelo ‘Alas’.
Os padriños das grandes orquestras galegas volven ao escenario
Nesta sétima edición, o programa contará unha vez máis cos representantes das catro orquestras galegas máis populares: Naty Méndez, de Panorama; Blas Piñón, de París de Noia; Diego Barbazán, de Olympus; e Javier Saavedra, de Os Satélites.
Cada un deles apadriñará dous dos oito aspirantes que competirán por converterse na mellor voz de Galicia: Virginia Cruz (Vigo), Sabe Dopico (Pontedeume), Carlos Lage (Meicende, Arteixo), María Lamas (A Coruña), Lucía Escuredo (Ponferrada), Yey (Venezuela–Negreira), David (Zas) e Diego Meza (Lugo).
Un xurado de prestixio
O xurado estará formado, como na anterior tempada, por Iago Pico -produtor musical que traballou con Tanxugueiras-, Carolina Rubirosa, Roi Casal e Antón Reixa, catro profesionais que achegan unha mirada ampla e experta sobre o talento galego. A dirección artística volverá estar en mans de César Romero, cantante e director da orquestra Cinema, encargado de dar ritmo, espectáculo e creatividade á posta en escena.
Competición de escudarías e particellas
As escudarías das orquestras regresan para competir entre si e reforzar o espírito de equipo e a diversión en cada gala. Tampouco faltarán as xa coñecidas particellas, os desafíos musicais que poñen a proba o talento e a improvisación dos concursantes: carameliño, reto, dúo e o temido sobes ou baixas. E volverán tamén as particellas de ouro -roubo e fuga-, que permiten a padriños e concursantes cambiar de equipo e xogar con novas alianzas.
Novidade: o ‘Duómetro’, que elixirá parellas ao azar
A gran novidade desta sétima edición será o ‘Duómetro’, unha ferramenta que se activará a partir do segundo programa e que formará parellas de concursantes de maneira aleatoria para cantar a dúo. Desta maneira, en cada programa a expectación e a ilusión por saber quen actuará con quen estará a flor de pel. O xogo de combinacións promete momentos de emoción, poñendo a proba a capacidade dos aspirantes para cantar en equipo e fomentar a cooperación entre eles.
Ángel Mosquera, gañador da 6ª temporada, regresa como convidado especial
O gañador da sexta edición, Ángel Mosquera, regresa ao escenario de ‘A liga dos cantantes extraordinarios’ para estrear o seu novo tema ‘Alas’, producido por Iago Pico. Trátase dun tema dance pop, con versións en galego e castelán, que transmite unha mensaxe de liberdade e un sentimento de incomprensión ante as inxustizas que acontecen no mundo. Ángel contará cun coro moi especial, formado por antigos compañeiros da súa edición: Yordanis, Nere, Lucía, Iván, Jesús e Aroa.
