A reportaxe 'Os fármacos do centeo', de Teresa Rocamonde, dispoñible en AGalega.gal, gaña o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas - CSAG
A reportaxe 'Os fármacos do centeo', de Teresa Rocamonde, dispoñible en AGalega.gal, gaña o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas
A peza, que analiza o uso do cornizó na medicina popular e o seu emprego polo laboratorio predecesor da compañía Zeltia, é un dos capítulos do programa da TVG ‘Historias e pé de páxina’

Santiago, 06.04.2026.- A xornalista Teresa Rocamonde gañou o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2026, que concede a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), por ‘Os fármacos do centeo’, un dos capítulos do programa da TVG ‘Historias a pé de páxina’, sobre a historia dos primeiros fármacos elaborados con cornizó de centeo en Galicia.
Rocamonde destaca que “ciencia e cultura se unen neste capítulo de ‘Historias a pé de páxina’, un espazo que trata de darlles protagonismo a persoas e feitos esquecidos que marcaron o que hoxe somos como pobo”. “Os fármacos do centeo permítennos descubrir que a Galicia actual é froito do esforzo de moitas persoas que lograron superar adversidades”, agregou.
A peza ‘Os fármacos do centeo’, dispoñible en AGalega.gal, analiza o uso deste fungo na medicina popular desde hai séculos e o seu emprego polo Instituto Miguel Servet, que daría lugar en Vigo á actual Zeltia, unha das grandes compañías químico-farmacéuticas de Galicia. O xurado subliñou que este traballo periodístico “conecta co papel da muller no agro, dedicado neste caso ao cultivo do centeo, que converteu Galicia no seu momento nun referente na produción de cornizó con fins médicos”.
O Premio Celia Brañas, que se entregará o vindeiro 15 de abril no Pazo de San Roque de Santiago, recoñece cada ano traballos xornalísticos que contribúen á divulgación científica e tecnolóxica en Galicia. O accésit do certame foi este ano para a xornalista Cinthya Martínez.
Teresa Rocamonde (Santiago de Compostela, 1975), é licenciada en Ciencias da Comunicación, con especialidade en Xornalismo, así como Máster en Sociedade da Información e do Coñecemento pola Universidade de Santiago. Traballou en axencias, prensa, radio e televisión, e é autora de varios libros, entre eles, ‘Os segredos do Vilas’. En 2007 uniuse ao equipo de Edicións Bolanda, onde desempeña a función de responsable de Comunicación e Coordinación Editorial.
